Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Novembro, 2016

POSTAL DE NADAL!

Imaxe
O día de hoxe dedicámolo a darlle os primeiros toques artísticos ás nosas postais de Nadal. Explicámosvos o que fixemos, a ver se algunha familia é quen de adiviñar que estamos tramando... Pola mañá, despois do recreo, collemos almofadas e punzóns para picar un gorro de cor vermella: Pola tarde, Xalo e Rocío, rodete en man, pintaron as nosas mans de cor branco, mans que logo estampamos nunha cartolina de cor verde para darlle forma a unha frondosa barba... Así quedaron a secar na corda que colga sobre o noso encerado: Despois destas pistas... Tedes algunha idea?

DECORACIÓN DE NADAL!

Imaxe
Á nosa aula xa están chegando moitos dos adornos de Nadal que estamos preparando coas nosas familias, e que pronto colgaremos polos corredores da nosa escola. Pero na clase tamén estamos facendo cousiñas relacionadas con esta época do ano que tanto nos gusta... Esta semana descubriremos o que é unha postal, moi pronto crearemos a portada dos nosos traballiños do 1º trimestre, e durante estes días xa decoramos as zapatillas que este ano formarán parte da árbore de Nadal que pronto aparecerá colocada na entrada do noso colexio. O primeiro que fixemos foi pintalas coas cores que máis nos gustaron. Logo, decorámolas con catro gomets en forma de estrelas e pegamos unha boliña de algodón a modo de pompón. Feito isto, a profe encargouse de recortalas e poñerlle purpurina de cores na sola de cada zapatilla para darlle un pouco de brillo de Nadal. Aquí as tendes! Que vos parecen? Esperamos que en poucos días poidamos compartir con todos vós a fabulosa árbore de Nadal creada con tódalas za

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO!

Imaxe
O pasado venres 25 de novembro, no noso centro conmemorouse o "Día Internacional contra a Violencia de Xénero". Recordades as mans que coloreamos? E todo aquilo que dixemos que podiamos facer con elas en lugar de molestar e magoar aos demais? Pois todas as mans do noso colexio se uniron para crear un gran lazo de cor violeta que xa se atopa na entrada da nosa escola. Se mirades ben arriba veredes as dos nenos e nenas da aula de 3 anos!

AVISO: LIBRO-MASCOTA!

Imaxe
Algunhas familias suxeríronme a posibilidade de cambiar o día de volta á aula do noso Libro-Mascota, ante a imposibilidade de imprimir as fotografías en domingo. Pola miña parte non existe ningún problema, polo que a partir desta semana as familias poderán devolver a bolsa coa mascota, o conto e o libro, ou o luns ou o martes correspondente. Por favor, non vos excedades destes días xa que esta bolsa será entregada a outro neno ou nena esa mesma semana. Desculpade os inconvenientes que puideron xurdir ata o día de hoxe por este motivo. Rocí o

TEO VOLVE DA CASA DE... LUCÍA!

Imaxe
Esta mañá, a nosa compañeira Lucía chegou entusiasmada co seu Teo de cor rosa, disposta a contarnos todo o ocorrido durante esta divertida fin de semana! O venres, nada máis chegar, Lucía presentou á nosa mascota ante a súa familia. Ao que máis lle gustou foi ao seu irmán Álvaro, co que estivo xogando toda a tarde. Xa á noite, a nosa mascota ceou en familia, e despois de ler o conto de "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza", Lucía ensinoulle a Teo como se lavaban os dentes. Despois disto, era hora de durmir ben xuntiños! O sábado pola mañá, a nosa mascota almorzou con Lucía e Álvaro, pero son tan larpeiros que un tempiño despois tamén comeron das ricas tostadas de María, a mamá da nosa compañeira. Coas pilas ben cargadas prepararon todo o necesario para ir á piscina, onde se atoparon con Mariña e con Roi! Menuda sorpresa, aínda que Teo non se puido bañar porque se esqueceu do bañador...  Xa pola tarde, despois de comer, a nosa mascota balanceouse no

TEO VIAXA Á CASA DE... LUCÍA!

Imaxe
Este venres, Teo emprendeu unha nova viaxe. Montouse no autobús das vacas acompañado da nosa compañeira Lucía, coa que pasará a fin de semana! Que aventuras lle esperan á nosa mascota de cor rosa? Estaremos esperando a que chegue este luns para coñecer todo o que viviu con Lucía, coa súa familia e cos seus amigos!

ANIVERSARIOS DE NOVEMBRO!

Imaxe
Este venres, os Pondaliñ@s celebramos os aniversarios das nenas e do neno que cumpriron anos no mes de novembro. Mariña, Claudia e Daniel xa teñen 3 aniños! Mirade que guapos no noso marco dos aniversarios, coa súa coroa e a súa chapa conmemorativa! Por suposto, todos os seus compañeiros e compañeiras os felicitamos, e aquí estamos con Teo, que como podedes ver estaba moi contento e non se quixo quitar a súa gravata elegante para a festa que lle esperaba! E xa sentados nas nosas cadeiras, era o momento de cantar o "Cumpleaños feliz" e de soprar a vela de aniversario! E logo, que tocaría facer? Pois comer esa rica tarta, acompañada duns saborosos zumes! ÑAM, ÑAM! Pero aínda tiñamos unha bonita sorpresa para o día de hoxe... A mamá de Claudia, a mamá e a avoa de Daniel e a mamá de Mariña tamén estaban invitadas a esta celebración!

EQUIVALENCIAS E SERIACIÓNS!

Imaxe
Esta mañá a nosa aula apareceu moi moi outonal! Unha vez máis, tocaba xogar cos pratos, pero en vez de pompóns, no día de hoxe estes contiñan noces e castañas, e tamén follas de diferentes cores, tamaños e formas. Así atopamos todo: Desta vez a cousa estaba moito máis complicada, pois era o momento de fixarse só no número de elementos e non no seu contido. Ningún prato era igual a outro! Traballando por parellas, así quedou a nosa ringleira despois duns minutiños: Ademais, hoxe engadimos unha nova misión. En función do número de elementos de cada prato, a parella correspondente debía escoller o número correcto, situado no noso encerado de cor branca. Rematada esta tarefa, seguimos sentados na alfombra para realizar unha nova actividade. Así pois, esta mañá iniciámonos na seriación. Alí tiñamos unha bolsa con noces e outra con follas, e os profes axudáronnos a comezar ese camiño de folla-noz-folla-noz... Cando xa o fomos entendendo, o encargado Alonso foi o elixido

TEO VOLVE DA CASA DE... MARIÑA!

Imaxe
Esta mañá, a nosa mascota chegou moi elegante da casa da nosa compañeira Mariña. Traía unha fermosa gravata! E sen dúbida, a súa cor era a máis axeitada, pois Teo foi realmente feliz durante esta divertida fin de semana! Agora vos contamos... O venres, nada máis chegar, Mariña e Teo merendaron e viron a televisión ben xuntiños, e como á nosa compañeira lle gusta moito xogar ás cartas, botaron unha partida. O sábado pola mañá, a nosa mascota madrugou para acompañar a Mariña á piscina. E sabedes con quen se atopou alí? Con Lucía e con Roi! Menuda sorpresa! Despois de nadar, á hora de comer, Teo coñeceu ao avó Alfonso e á avoa Gelita. E xa pola tarde, mentres papá e mamá poñían todo a punto para a festa do domingo, Teo e Mariña estiveron xogando cos bonecos e lendo algún que outro conto. E non nos podíamos esquecer da avoa Carmen, así que a nosa compañeira decidiu facerlle unha visita para presentarlle á nosa mascota! E o domingo... O domingo foi o mellor día, o día no que Mariña cu

DECORACIÓN DE NADAL!

Imaxe
Mañá, como cada martes, os nenos e nenas da aula de 3 anos levaremos para as nosas casas as bolsas que conteñen os contos que Cleo nos empresta cada semana. Pero desta vez, as familias deben estar moi atentas, porque non só levaremos novos libros, senón que estas bolsas tamén conterán un adorno de Nadal. De Nadal? Si, de Nadal! O mes de novembro xa se remata, e pronto comezará o último mes do ano, e con el virá esta festa que tanto nos gusta! E para que son estes adornos? Pois para engalanar o noso corredor! Coa axuda da nosa familia, deberemos decorar as árbores, as botas, as campás, as estrelas, os lazos, os pauiños ou os regalos que cada un de nós levaremos, e poderémolo facer co material que máis nos guste ( ceras, rotuladores, pinturas,  algodón, botóns, teas, pegatinas, purpurina...). Unha vez rematado, as nosas familias axudarannos a recortalo, e traerémolo ao colexio antes do próximo venres 2 de decembro. MOITAS GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN!

AVISO: CHAQUETA PERDIDA.

Imaxe
No día de onte, unha chaqueta vermella da marca Zara Kids e da talla 3-4 anos apareceu tirada no chan da nosa clase. A chaqueta non ten nome e ningún neno ou nena a recoñeceu como propia. Como hoxe non a reclamou ningunha familia, se algunha a identifica, por favor que se poña en contacto coa profe (cunha nota na axenda ou cun comentario no blog) para que o próximo luns lla entregue ao neno ou nena correspondente. Grazas!

TEO VIAXA Á CASA DE... MARIÑA!

Imaxe
No día de hoxe, a nosa mascota emprendeu unha nova viaxe! O seu próximo destino será a casa de Mariña! Así que o noso Teo amarelo introduciuse na súa bolsa viaxeira, disposto a pasar unha divertida fin de semana coa nosa compañeira. Ademais, aínda que a nosa mascota non o sabe, o domingo Mariña está de aniversario e cumprirá 3 anos. Menuda festa lle espera!

NOVAS INCORPORACIÓNS AO CLUB DO MANDILÓN!

Imaxe
Esta semana estamos de noraboa! Dúas nenas e un neno conseguiron o ansiado carnet do Club do Mandilón. Moitos parabéns a Brais Pérez, Claudia e Lucía! Aquí temos aos novos membros da nosa exclusiva asociación...

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Imaxe
O próximo 25 de novembro, no noso colexio, conmemorarase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Esta mañá, durante a asemblea, falamos da importancia de tratarnos ben os uns aos outros. A partir da frase "Coas miñas mans podo...", cambiamos iso de pegar e molestar aos demais por outras accións moito máis positivas: abotoarnos, abrazar, acariciar, aplaudir, bailar, bucear, chocar as cinco, cociñar, coller cousas, comer, contar, ducharnos, escondernos, escribir, lavar os dentes, nadar, peitearnos, pescar, pintar, recoller, saudar, tocar o piano, vestirnos, xogar... Logo, descubrimos que o violeta é a cor deste día, a cor do amor, polo que cada un de nós pintou unha man, na que escribiremos algunha destas accións positivas, e que a próxima semana pegaremos nun gran mural que crearemos cos demais nenos e nenas da nosa escola.

CONTACONTOS: "No, David!"

Imaxe
Esta mañá, na hora de ler, subimos á biblioteca da nosa escola, onde as nosas compañeiras Antía e Nerea xa nos esperaban para contarnos a historia de David, un neno un pouquiño falcatrueiro... Mirade que ben o fixeron! Aquí vos deixamos a súa historia, por se algún neno ou algunha nena quere recordala nas súas casas!

NOVA INCORPORACIÓN AO CLUB DO MANDILÓN!

Imaxe
Despois dunhas semanas poñendo e quitando mandilóns, abotoando e desabotoando botóns e dándolle unha e outra volta ás mangas... Chegou o momento de colocar unha nova fotografía no noso Club do Mandilón! A nosa compañeira Leila xa é membro deste exclusivo club. Mirade que sorrinte co seu carnet! Queremos informar tamén que hai moitos nenos e moitas nenas que están a piques de conseguilo... Seguro que en moi poucos días tendes noticias nosas!

PINTAMOS CABAZAS!

Imaxe
Sen dúbida, pintar con pinceis é unha das actividades que máis nos gusta facer na nosa aula! Como ben sabedes, para aprender un pouco máis sobre o outono estamos usando o conto "Corre corre, cabaciña". Unha cabaza é a protagonista da nosa historia, polo que mellor que pintar unha xigante? Coas mesas cubertas e nós ben remangados, aquí nos tedes esta mañá!

O XOGO DOS NOMES!

Imaxe
Como ben sabedes, unha das nosas rutinas de pola mañá é escribir o nome do encargado ou encargada do día coas letras imantadas. Desde a semana pasada, tamén collemos o rotulador máxico para escribilo nós mesmos no encerado grande. Por suposto, sempre contamos o número de letras que cada nome ten, as letras que o compoñen, os seus sons... Pouquiño a pouco xa imos recoñecendo algunhas! Hoxe, a profe Rocío presentounos un novo xogo... Queredes que vos expliquemos en que consiste? O encargado de hoxe foi Nizar, polo que a mestra chamou aos seus compañeiros e compañeiras de mesa para que se colocasen no centro da alfombra. Logo, repartiulles uns pequenos carteis co nome e a foto de cada neno e cada nena. Agora si, era o momento de xogar as adiviñanzas... Rocío ensinaba un nome, e despois de observar os carteis, o neno ou nena ao que lle correspondese ese nome debía levantar a man. Se acertaba, a profe dáballe a volta ao papel e aparecía a súa foto! E os demais compañeiros e compañeiras

TEO VOLVE DA CASA DE... DANIEL!

Imaxe
Esta mañá, o noso Teo de cor vermella regresou á escola moi emocionado, disposto a contarnos as aventuras que vivira na casa de Daniel. O venres, tan pronto como chegou do cole, a nosa mascota merendou o rico biscoito que preparara a mamá do noso compañeiro, e alí coñeceu a un Teo de cor verde! Con el e con Daniel, a nosa mascota estivo vendo a televisión. Tamén coñeceu a tódolos peluches que Daniel ten na súa casa e, por suposto, non podía deixar de xogar con eles. Ademais, Teo foi de paseo co noso compañeiro no coche dos seus papás!  Daniel púxose un pouco enfermo durante esta fin de semana, pero alí estaba Teo para axudalo a curarse rapidamente e facer que hoxe xa chegase ao cole completamente recuperado! Mirade que contento mostrando o noso libro viaxeiro!

CORRE CORRE, CABACIÑA!

Imaxe
Como ben sabedes, "Corre corre, cabaciña" é o conto protagonista deste mes de novembro, e será o encargado de axudarnos a saber un pouquiño máis do outono. Para iso faremos unha secuencia didáctica que a mestra Rocío xa está preparando. E buscando ideas, atopou algo xenial! O conto de "Corre corre, cabaciña", pero non é unha historia calquera, senón que é... A HISTORIA ANIMADA! Premede nesta imaxe se queredes descubrila...

TEO VIAXA Á CASA DE... DANIEL!

Imaxe
Este mediodía a nosa mascota de cor vermella emprendeu unha nova viaxe. Nesta ocasión espérao a familia de Daniel. Que aventuras vivirá Teo na casa do noso compañeiro? Teremos que esperar ata luns para descubrilo, pero do que estamos seguros é de que alí o pasará fenomenal!

CELEBRAMOS O MAGOSTO!

Imaxe
Esta tarde o alumnado ao completo do CEIP Eduardo Pondal celebramos o Magosto! Tivo que ser no patio cuberto porque o tempo non acompañou... Despois de tocar a serea e ir rapidamente ao baño, o primeiro que fixemos foi un tren no noso lugar habitual, pero desta vez tocaba sentarse para esperar todo o que nos esperaba... Mentres, aproveitamos para sacar unhas fotiños! A continuación, un par de bruxos sorprendéronnos (e a algúns asustáronnos) coa súa aparición estelar... Despois das presentacións, como é tradición no noso cole, era o momento de queimar os nosos medos. A nosa encargada Daniella foi quen os depositou no lume, acompañada de Xabi e do profe Xalo, mentres que os demais nenos e nenas lle dicíamos adeus desde un pouquiño máis atrás. Por suposto, non podíamos faltar ao tradicional tiro de corda! Estivemos ensaiando co profe Carlos nas últimas clases, e non se nos dou nada mal... Seguidamente, era a quenda da mestra Luisa, coa que ensaiamos a cantig