CAL É O CADRO MÁIS BONITO DO MUNDO?

Esta mañá, a profe Rocío presentounos un conto que non coñecíamos ata o momento. Titúlase "O cadro máis bonito do mundo", e hoxe só puidemos observar a súa portada, na que vimos un marco, pero ningún lenzo... 


Como non sabemos nada da historia que se atopa no seu interior, reunímonos en asemblea para falar do que para nós sería o cadro máis bonito do mundo. Aquí vos deixamos as nosas aportacións cando decidimos plasmalas en papel! Moi pronto descubriremos o que se narra neste conto, e tamén coñeceremos a un novo pintor que nos acompañará nas nosas aventuras artísticas. Quen será? Moi pronto se descubrirá o segredo!


Como tamén podedes ver, ao estar en 5 anos, xa escribimos o noso nome en minúscula, coma os maiores! Durante este primeiro mes de curso estivemos recordando o trazo de tódalas maiúsculas, e tamén das vogais en minúscula, por se se nos esqueceran durante o verán. Pero agora... Agora xa toca coñecer a tódalas letras do abecedario en minúscula! Esta mañá presentóusenos o Panadeiro P, a personaxe que fai o pan e os pasteis máis ricos de todo o País das Letras! Despois de coñecelo quixemos escribilo no encerado, e quedáronnos unhas "p" xeniais!


O que tamén fixemos foi presentar oficialmente os materiais que fomos traendo á aula estes días relacionados coa temática do noso proxecto trimestral: O UNIVERSO!


Daniella quixo compartir con nós este fantástico debuxo da Vía Láctea, a nosa galaxia, así como unha pequena esfera que representa o noso planeta, a Terra. Grazas compañeira!


Hugo tróuxonos dúas representacións diferentes do planeta Terra: unha esfera e un globo terráqueo! Vimos tanto azul no noso planeta que isto nos levou a falar da auga, da presenza de auga noutros planetas, así como da existencia de vida no noso planeta. Falamos tanto e tiñamos tantas dúbidas que ata a profe nos tivo que explicar un pouquiño dunha teoría coñecida como a da evolución! Este proxecto dá para moito! Grazas compañeiro!


Naia volveu de novo con esta estrela que xa nos ensinara o curso pasado cando estábamos aprendendo máis sobre as estrelas de mar. Desta conversa saiu un novo astro do noso Universo... Un compañeiro falounos da Estrela Polar, a máis brillante do ceo, a que guiaba aos mariñeiros cando non existían os mapas nin os GPS! Interesantísimo! Grazas compañeira!


Xabi mostrounos un par de peluches que atopou na tenda da súa mamá. Un deles é unha estrela e o outro unha lúa. Esta última serviunos para que o noso amigo nos explicara por que a lúa cambiaba de forma. Moitos pensabamos que medraba e deixaba de facelo por si mesma, outros que alguén lle poñía e lle quitaba cachiños, pero o noso compañeiro encargouse de explicarnos que o que ocorría era que só víamos a parte que o Sol iluminaba, por eso ás veces estaba chea e outras veces, coma no peluche, ía menguando. Fantástico! Grazas compañeiro!


Alonso veu cargadiño cunha chea de información sobre o seu planeta. El é Neptuno, e temos un montón de páxinas por ler para saber máis do seu planeta. Se algún Pondaliñ@ quere imitar ao noso amigo e traer información específica do seu astro, na aula estaremos encantados de recibila para seguir aprendendo máis e máis do Universo! Como ben sabedes, o reto que esta semana nos deixou Valentina Tereshkova foi saber máis sobre o planeta Mercurio, así que se algún Mercuriño (Brais M., Daniella, Hugo, Roi ou Xabi) lle apetece compartir nova información do seu planeta con nós, pode traela ao longo desta semana! Grazas compañeiro!


Mario mostrounos unha maqueta do Sistema Solar que el mesmo pintou na súa casa. Na clase encargámonos de montala colocando os diferentes planetas segundo a súa distancia con relación ao Sol. Canto nos vai axudar para entender iso dos movementos sobre si mesmos e arredor do Sol, para seguir traballando o tamaño de cada un e a distancia ao Sol, e moitísimo máis! Grazas compañeiro!


Aroa chegou cargadiña con esta representación do Sistema Solar tan impresionante que creou co seu papá e co seu irmán! Está o Sol, tódolos planetas e ata a Lúa. E o mellor de todo, xira! Os planetas desta maqueta xiran arredor do Sol! É espectacular e axudaranos a seguir aprendendo máis e máis sobre o Universo! Ademais, tróuxonos un debuxo no que tamén aparece representado o Sistema Solar! Grazas compañeira!


Lucía trouxo da casa da súa avoa este par de mazarocas de millo! Veu con elas para falarnos do Outono, pero ao velas decatámonos de que se parecían moitísimo a uns foguetes espaciais, con lume e todo! Grazas compañeira!


Martina chegou emocionada á clase porque no patio atopou unha pedriña de cor branca que, segundo ela e outras compañeiras, era un cachiño de Lúa! Temos que comprobar se iso pode ser verdade, porque polo momento o único que coñecemos que cae ao solo do planeta Terra son os meteoritos! Ademais, aproveitou para ensinarnos un par de froitos de outono: unhas castañas e unhas noces que recolleu coa súa avoa! Grazas compañeira!

E por hoxe nada máis, seguiremos informando das nosas aventuras!

Comentarios

  1. que de cousa! Roi xa me ensinou como escribe en minúsculas,e pideme que lle ensine outras palabras,que de cousiñas chulass levan eses nenos1 colleredes na aula jijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Siii, xa vimos hoxe o ben que escribiu "Mercurio" en minúscula no debuxo que trouxo! 😍 É que xa somos os maiores e temos que aprender a escribir así 😋

      Eliminar

Publicar un comentario