CANTAMOS BINGO E APRENDEMOS MÁIS SOBRE JOAN MIRÓ!

Esta mañá, na nosa aula, apareceron estas casiñas tan coloridas que nunca antes víramos. Estaban cheíñas de números, pero non sabíamos moi ben por que... Pois ben, resulta que estas son as vivendas nas que habitan tódolos números do mundo e, como non podía ser doutra maneira, viven coa súa familia, igual ca nós! Así pois, hoxe coñecemos á familia do 0, do 10, do 20, do 30, do 40, do 50, do 60, do 70, do 80 e ata a do 90!


Comezamos pola primeira casiña, a da familia do 0. Xa coñecemos a tódolos números que aquí viven, así que non fixeron falta as presentacións. O que si, utilizamos estes números para coñecer un novo xogo na nosa aula: o bingo! Gustounos moitísimo e pasámolo moi ben, iso si, para que este xogo vaia aumentando un pouquiño a súa dificultade, xa sabemos o que temos que facer... Coñecer pouquiño a pouco aos demais habitantes das casiñas que xa forman parte das nosas rutinas diarias!

A parella gañadora foi a formada por Andrea e Alejandro G.! Felicitámolos e alegrámonos moito por eles, xa que o importante é participar e pasar un ratiño divertido cos nosos amigos! E como no cole se aprende de todo, esta situación serviunos para reflexionar sobre o feito de facer trampas, xa que a algunha parella non lle gustou perder e decidiu enganarnos e cantar bingo cando non saíran todos os números do seu cartón. Por suposto, falamos con ese Pondaliñ@ e pediunos perdón. Como non podía ser doutra maneira, perdoámolo e estamos segurísimos de que isto non volverá a suceder en ningún xogo! 
Aquí vos deixamos algunhas imaxes da partida de hoxe!



Para continuar co día, recordades que a semana pasada vos falamos dun conto titulado 'O cadro máis bonito do mundo'? Pois agora xa podedes saber que se atopa no seu interior, nós xa o descubrimos o pasado xoves...


Si, fai uns días que descubrimos que o cadro máis bonito do mundo foi o que soñara o artista Joan Miró, un cadro que tiña por protagonistas 5 manchas un tanto viaxeiras... Tanto lles gustaba viaxar que chegaron ata a cidade de Barcelona, e foi aí cando o noso compañeiro Mario recordou emocionado que el pasaría a ponte nesa mesma cidade. Por suposto, tivémoslle que facer un encargo moi importante: buscar obras de Miró pola cidade de Barcelona! E vaia se as atopou, aquí o temos coa escultura que leva por nome "Muller e Paxaro", e tamén co "Mosaico Miró". Contounos o noso compañeiro que ambas obras llas encargou a cidade de Barcelona a Joan Miró para darlle a benvida a tódolos visitantes que entrasen na cidade por terra ou por mar, respectivamente. E en todas elas podemos ver as cores das manchas do cadro máis bonito do mundo. Moitas grazas Mario por estas imaxes, foches un gran reporteiro!



Para seguir aprendendo máis deste artista, hoxe tocou debuxalo. Iso si, non de calquera maneira, senón fixándonos moito moitísimo nunha das imaxes do conto. Non podía faltar nadiña, ningún detalle, e tíñase que parecer o máximo posible ao Joan Miró do noso conto. O que tampouco podían faltar eran as 5 manchas do seu cadro. Vós que pensades, credes que o conseguimos?


E xa para rematar, aproveitamos para comentarvos que, como ben sabedes, no día de onte comezamos novamente co préstamo bibliotecario. Aproveitando a nosa visita á biblioteca, ademais de saúdar a Cleo, fixemos algo que á mascota lle encanta: ler un conto. Concretamente, subimos da aula un libro que nos trouxo o noso compañeiro Mario como aportación ao proxecto sobre o Universo. Falaba dos requisitos para ser astronauta e como é a vida no Espazo. Gustounos moito, grazas compañeiro!


E onte tamén tivemos outra petición especial... Cando baixamos da biblioteca, tivemos que rematar un traballiño que comezamos antes do recreo, porque tanto tivemos que escribir en minúscula que non puidemos acabalo antes. Pero cando o fixemos, aínda tivemos un tempiño para xogar nos recunchos, e tres nenos que escolleron os quebracabezas necesitaban que lles sacásemos unha foto con el rematado! Así que aquí está!


E polo momento nada máis, seguiremos informando!

Comentarios

  1. jajjajaja empezan pronto estes pondaliños a facer trampas..e que o de perder levano todos moi mal jijiji e Mario que fotos mas bonitass ten boa pinta ese conto !!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A ninguén nos gusta perder, pero temos que aprender a facelo e o cole tamén está para iso 😊 Si, Mario foi un reporteiro xenial, e o conto seguro que dá para moito! Ao mellor na casa en vez dun futuro Matisse a partir de agora terás un futuro Miró 😋

      Eliminar
  2. Mario xa pediu un Bingo para o seu cumple, encantoue o xogo.Estes nenos o de non gañar levano regular...pedazo de artistas tes q me encantan eses cadros q pintaron,foi un plácer facer de axudante do reporteiro e encargarnos das misions encomendadas!!!un saudo profe

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Siiii, están tod@s emocionados co bingo! Hoxe xa fixemos a presentación oficial da familia do 10 e xa preguntaron cando íbamos a facer o seu bingo! A este paso coñecemos ata o 99 neste trimestre 😂 Siii, Mario cumpriu coa misión ao 100%, foi un reporteiro de 10 e axudounos un montón para achegarnos un pouquiño máis a Joan Miró! Moitísimas grazas pola colaboración! 😍😘

      Eliminar

Publicar un comentario