O SEÑOR DO TEMPO VISITA O CORREDOR DE INFANTIL...

Despois duns días cortando e pegando, por fin rematamos o primeiro dos mandados do Señor do Tempo: os Pondaliñ@s de catro anos transformámonos en raíñas e faraóns exipcios e viaxamos ao deserto do Sáhara e ao río Nilo! Aquí tedes as nosas creacións:



Para a semana aprenderemos máis sobre os animais e os medios de transporte do Antigo Exipto, pero polo momento aquí vos deixamos a creación de Lucía, a nosa encargada de hoxe, para que poidades ver máis de preto todo o traballiño que desempeñamos esta semana:


Ademais, o Señor do Tempo volveu a visitarnos... Desta vez a tódolos nenos e nenas de Educación Infantil, pois no noso corredor apareceron unhas letras que dicían "Benvidos a Exipto", unhas bandeiras e uns carteis pegados nas paredes aos que lles faltaban algunhas palabras, aínda que moi pronto as puidemos adiviñar xa que nos estamos transformando nunhas exiptólogas e nuns exiptólogos moi competentes. Mirádenos así de abraiados ao volver do recreo da tarde! Que pretenderá o noso novo amigo? Moi pronto o descubriremos...


Así mesmo, seguimos aprendendo do Antigo Exipto grazas a aportacións como a que fixo a nosa compañeira Leila, que nos trouxo este fantástico sarcófago exipcio con momia incluída! Grazas!


Igualmente, o noso compañeiro Hugo tróuxonos un gran quebracabezas, que ademais viña cun libro de información sobre o Antigo Exipto. Moitas grazas!


Gustounos tanto o seu quebracabezas que decidimos comezar a facelo esta mesma tarde. Ten tantas pezas que, antes de nada, tivemos que clasificalas, xa que unha compañeira nos explicou que os quebracabezas grandes se comezan polos bordes. Así que... mans á obra! Cando xa tiñamos dúas moreas de pezas, decidimos comezar polo borde inferior, pouquiño a pouco e fixándonos no debuxo que podemos ver no reverso da caixa.


QUEBRACABEZAS DE EXIPTO!

Seguimos colocando pezas pero era hora de marchar, así que polo momento deixamos desta maneira o noso quebracabezas para seguir con el a próxima semana:

Comentarios

  1. O señor do tempo traballou moito no recreo jajaja. Os pondaliñ@s que ven fan os quebracabezas. Tamen que ben se transformaron en raiñas e faraos.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario