O NOSO VERÁN... DO REVÉS!

Esta mañá, nada máis entrar na aula, atopámola así. Que pasou? Por que estaban todas as cadeiras sobre as nosas mesas? Ninguén entendía nada, pero todo tiña unha explicación... De súpeto, a profe pediunos que estirásemos as nosas toallas de praia e que nos tumbásemos boca arriba sobre elas. Volvérase tola? De momento, a nós todo isto estábanos facendo moita graza... E botando a vista cara arriba descubrimos que debaixo de cada mesa había varias cartolinas en branco! E a mestra xa estaba repartindo rotuladores... Que tiñamos que facer? Pois debuxar o mellor do noso verán! Así que nos puxemos mans á obra! Nunca debuxáramos desta maneira tan peculiar, e mentres o facíamos escoitáronse frases tan memorables como: "Ai profe, eu fago o que podo". Probablemente non sexan os nosos mellores debuxos, pero ninguén nos quita as súper gargalladas que se escoitaron na nosa clase mentres simulábamos estar tomando o sol neses días de verán nos que tan ben o pasamos! ...