martes, 18 de decembro de 2018

VISITAMOS UNHA EXPOSICIÓN ESPACIAL!

Se no día de onte visitamos o planetario portátil, esta mañá era a quenda dunha exposición espacial! Si si, o que escoitades! Queredes coñecer todo o que alí vimos? Agora mesmiño volo contamos!

Comezamos a sesión coñecendo a Isabel, unha gran experta do mundo espacial. O primeiro que fixo foi falarnos dos astronautas e da súa vestimenta. As prendas que usan xa as coñecemos, pero descubrimos como son as capas que os protexen do frío extremo, ou como son os tubiños que os refrescan cando a calor é excesiva. Así mesmo, descubrimos como chega o osíxeno da mochila ao interior do traxe espacial. Súper interesante!

Logo, continuamos aprendendo máis sobre a súa alimentación no Espazo. Xa sabíamos que toda a comida a levaban da Terra, e que esta tiña que ir envasada ao vacío, que non podían ser alimentos que producisen migas ou que tiñan que beber por unha palliña... O que nunca antes fixéramos fora ver esta comida en persoa, e hoxe conseguímolo! Había queixo, café, puré de froitas e un tortiña de pan.

A continuación, iniciamos a nosa viaxe cara o Espazo, e coñecemos o foguete que levou aos primeiros astronautas á Lúa, e vimos en directo como ía perdendo as súas partes que logo se transformarían en lixo espacial. Ademais, coñecemos un tipo de nave espacial que nunca antes víramos. Chámanse transbordadores e encargábanse de levar aos astronautas á Estación Espacial Internacional. Eran unhas naves que se podían reutilizar e non producían tanto lixo espacial coma os foguetes, pero tiveron dous accidentes moi grandes e deixaron de usarse. Así mesmo, tamén coñecemos un pouquiño máis da vida diaria dos astronautas que habitan ata sete meses na Estación Espacial Internacional.

Seguidamente, recordamos o proceso de como un asteroide choca contra a atmosfera terrestre para transformarse nun meteoro ou estrela fugaz, e como os cachiños destes meteoros caen ao solo do noso planeta dando lugar aos meteorito. E falando de meteoritos... Hoxe tivemos na man tres tipos de meteoritos diferentes! E ademais de tocalos puidemos ulilos porque tiñan un olor moi característico...

Xa para rematar, contámoslle á experta moito do que aprendimos sobre o Universo, tal e como nos pedira Valentina no último vídeo que nos mandou. E tamén nos resolveu algunha que outra dúbida que xurdiu. 

Gustounos moito e pasámolo moi ben! Foi unha gran experiencia espacial que nos axudou a asentar os coñecementos que xa tíñamos sobre o Universo e a aprender novas cousiñas. Aquí vos deixamos un pequeno resumo do que foi a xornada de hoxe. Agardamos que vos guste tanto como a nós!


Ademais, queremos aproveitar esta publicación para compartir con vós unha foto cos Pondaliñ@s de 3 e 4 anos que tomamos onte durante a visita do Apalpador!


E mañá máis e mellor! Toca visitar o cine de Carballo onde comeremos unhas ricas palomitas, polo que recordade que non é necesario que mañá veñamos nin con mochila nin con merenda. Xa as mestras se encargan de levar todo o necesario, tamén auga para tódolos Pondaliñ@s.

A película que veremos titúlase "Ralph rompe internet" e aquí vos deixamos o trailer:

luns, 17 de decembro de 2018

VISITAMOS O PLANETARIO!

A mañá do día de hoxe comezou visitando a biblioteca da nosa escola, onde xa nos estaba esperando un vello coñecido que sempre nos vén saúdar por estas datas. Chegou desde as montañas do Caurel e o vindeiro 24 de decembro visitaranos de novo, mais desta vez para apalparnos as barrigolas e deixarnos algún que outro agasallo. Claro, estamos falando do Apalpador! Que alegría volver a velo!






E falando do Nadal... Aquí vos deixamos a panxoliña que estamos ensaiando coa mestra Sheila e que lle cantaremos aos Reis Magos este venres:



Ao volver á nosa clase quen nos estaba esperando era Valentina Tereshkova cunha nova mensaxe! Querédela escoitar? Aquí vola deixamos! Por suposto, puxémonos en marcha para completar a súa misión e polo momento estamos resolvendo as súas cuestións con gran éxito. Se seguimos así pensamos que esta semana a nosa astronauta favorita poderá regresar á Terra!


E para rematar a xornada, visitamos o pavillón da nosa escola. Alí nos estaba esperando un gran planetario no que un gran experto nos falou do Sol, das súas manchas e doutras moitas curiosidades relacionadas coa nosa estrela; aprendemos máis sobre os movementos de rotación e traslación da Terra, e a nosa compañeira Zaira transformouse no noso planeta para poder entender mellor o paso do día á noite; realizamos un xogo no que tiñamos que buscar constelacións; e tamén descubrimos aspectos moito interesantes de tódolos planetas do Sistema Solar. Ademais, puidémoslle preguntar ao experto tódalas nosas dúbidas e falar de todo o que fomos aprendendo estes meses sobre o Universo, como nos pediu Valentina Tereshkova esta mesma mañá. E non sabedes o mellor de todo! O gran experto que estivo con nós coñeceu a Valentina Tereshkova, pero non en vídeo nin en foto, de verdade, estivo con ela, ao seu ladiño! Quedamos impresionados e fascinounos esta visita. Ao saír do planetario, escoitouse unha frase que dixo unha Pondaliña e que resumía á perfección este sentimento: "Profe, isto témolo que facer máis veces que me superencantou". E mañá máis e mellor... Espéranos unha gran exposición espacial!

Polo momento, aquí vos deixamos un pequeno resumo do que foi a sesión de hoxe no planetario:

venres, 14 de decembro de 2018

EXISTEN OS EXTRATERRESTRES?

No día de hoxe recibimos unha nova mensaxe de Valentina Tereshkova, e nela pediunos que investigásemos máis sobre un dos temas que máis nos gusta: a vida extraterrestre. Uns opinamos que si existen os alieníxenas, outros que isto non é posible; pero o certo é que ata o momento non temos proba algunha de que existan, mais o universo é infinito... Quen sabe?


Ademais, aproveitamos para mostrarvos tódolos avances do noso mapa! Estamos a piques de conseguir que a nosa astronauta favorita regrese á Terra e isto alégranos un montón!


Así mesmo, queremos contarvos que fai uns días tivemos unha visita moi especial na nosa aula... O martes estivo con nós Leo, o irmán maior do noso compañeiro Roi. Tróuxonos o seu gran telescopio e explicounos o seu funcionamento, pero como era de día e estaba o ceo cheo de nubes, moito non chegamos a ver... Iso si, sentímonos como Galileo Galilei por uns minutos! Moitísimas grazas Leo, volve cando queiras!






Así mesmo, informámosvos tamén que desde fai unhas semanas estamos ampliando os nosos coñecementos matemáticos... Avanzamos na comparación de números e coñecemos novos símbolos matemáticos: maior que, igual que e menor que. E puxémolo en práctica con xogos manipulativos, na PDI e tamén con algún que outro traballo escrito. Aquí nos tedes en plena acción, e aquí vos deixamos unha páxina na que os Pondaliñ@s poden seguir xogando cos números: https://juegosinfantiles.bosquedefantasias.com/matematicas/comparar-ordenar-numeros



E isto non é todo... Tamén nos estamos iniciando na resta, e non se nos está dando nada mal! Por suposto, seguiremos a voltas con estes e outros moitos xogos nos vindeiros meses. Aquí vos deixamos algunhas imaxes e tamén un link a diferentes actividades: https://juegosinfantiles.bosquedefantasias.com/matematicas/restas





E isto foi todo por esta semana... Pero os últimos cinco días de trimestre serán moi movidiños! Estade ben atentos, teredes novas diarias no blog dos Pondaliñ@s!

luns, 10 de decembro de 2018

NAVES E ASTRONAUTAS!

Como ben sabedes, antes de irnos de ponte recibimos unha mensaxe de Valentina Tereshkova na que nos pedía que investigásemos máis sobre a súa profesión. Así o fixemos, e despois de coñecer algúns requisitos para ser astronauta, identificar as partes do seu traxe espacial ou descubrir ao primeiro astronauta español, esta mañá volvemos a recibir unha nova mensaxe. Queredes saber que dicía? Aquí vola deixamos:


Como vedes, a nosa nova misión é adentrarnos no mundo dos foguetes e das naves espaciais. Así pois, puxémonos mans á obra e buscamos entre os libros da biblioteca aqueles que falasen sobre estes medios de transporte, e vimos algún que outro vídeo para aprender un chisquiño máis. Este foi o que máis nos gustou, por se nos apetece volvelo a ver nas nosas casas:


Para saber máis, en Psicomotricidade realizamos uns xogos acordes co reto desta semana. Mirade canto aprendemos e canto nos divertimos no pavillón:

martes, 4 de decembro de 2018

DESEXOS DE NADAL!

O Nadal, unha das nosas festividades favoritas, está a piques de comezar, e algo que non pode faltar nestas datas é unha árbore cheíña de decoración.

Para este Nadal, a nosa árbore conta cunhas bólas decoradas nas que tódolos nenos e nenas do CEIP Eduardo Pondal escribimos os nosos desexos. 

Por suposto, os Pondaliñ@s de 5 anos tamén creamos as nosas. Antes de nada, reunímonos en asemblea e reflexionamos sobre o afortunados e afortunadas que somos, e pensamos no que poderían desexar todas aquelas persoas que teñen moito menos do que nós temos. Así pois, pouco a pouco e axudándonos no vídeo que realizamos para conmemorar o 'Día Universal da Infancia', fomos recollendo un e mil desexos que xa forman parte da nosa árbore de Nadal. Oxalá algún día non sexa necesario desexar nada disto... 

Neste Nadal os Pondaliñ@s de 5 anos desexamos...

Boa vida no mundo; Agasallos para todo o mundo; Traballo para todo o mundo; Familia para todo o mundo.

Escolas en todo o mundo; Amor no mundo; Cariño para todo o mundo; Alegría no mundo; Xoguetes para todo o mundo.

Hospitais en todo o mundo; Contos para todo o mundo; Menciñas para todo o mundo; Paz no mundo; Árbores en todo o mundo.

Felicidade no mundo; Casas para todo o mundo; Saúde para todo o mundo; Coidado para todo o mundo; Limpeza en todo o mundo.

Comida en todo o mundo; Igualdade en todo o mundo; Auga en todo o mundo; Doutoras en todo o mundo; Mestras en todo o mundo; Roupa para todo o mundo.

Así quedou a árbore de Nadal coas nosas bólas. A vindeira semana sacaremos unha fotiño coa árbore ao completo. Agardamos que vos guste!

Ademais, aproveitamos para comentarvos que chegou á nosa aula un novo vídeo de Valentina Tereshkova, e grazas a esta nova misión descubrimos moitos dos requisitos que se necesitan para ser astronauta. Polo momento non cumprimos a gran maioría deles, pero a nosa investigación sobre os astronautas levounos a coñecer ao primeiro astronauta español en viaxar ao Espazo. Así pois, se Pedro Duque puido facelo, nós cando medremos non imos ser menos!

luns, 3 de decembro de 2018

APRENDEMOS MÁIS SOBRE AS CONSTELACIÓNS!

Recordades que a semana pasada Valentina Tereshkova nos deixou unha nova misión para esta semana? Un dos seus retos era aprender máis sobre as constelacións, así que nos puxemos mans á obra e mirade todo o que estivemos a facer estes días...

O Señor do Tempo deixounos "A caixa das constelacións de 5 anos" que, por suposto, contiña varias constelacións: Osa Maior, Osa Menor, Orión, Casiopea e Hidra. Todas elas teñen peculiaridades que nos chamaron a atención... Hidra é a máis grande das 88 constelacións que se coñecen. Casiopea ten forma de "M" ou "W", dependendo por onde a mires. Orión é o guerreiro e o seu arco lévanos á Osa Maior. Así pois, se seguimos en liña recta unha das estrelas da Osa Maior lévanos á estrela máis importante do firmamento, a Estrela Polar, que se atopa no extremo da Osa Menor.

Coa lanterna que se atopaba dentro da caixa puidémolas proxectar no teito da nosa aula, e tamén as puidemos coser cun divertido xogo na que empregamos lá e as agullas que nos regalara a mamá de Xabi cando en 3 anos nos viñera falar da súa profesión.

Seguidamente, construímos a nosa propia constelación cun divertido xogo na PDI.

Esta mañá, ademais, a profe Bea tíñanos preparados uns divertidos xogos no pavillón. Como non podía ser doutra maneira, estes xiraban en torno ás constelacións.

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo que resume todo o que estivemos facendo estes días. Agardamos que vos guste!


Ademais, temos unha nova moi importante para contarvos. A semana pasada non nos dedicamos soamente a aprender máis sobre o Sol, as estrelas e as constelacións. Entre outras moitas actividades, o que tamén fixemos foi crear as nosas postais de Nadal que xa forman parte da decoración do noso hall. Pintamos cartolinas, escollemos, picamos e pegamos siluetas de Nadal, decoramos con estrelas e dixémosvos "Bo Nadal". Aquí volas deixamos, esperamos que vos gusten!


Igualmente, coma tódolos anos, as postais de tódolos Pondaliñ@s da nosa escola entran nun concurso e as gañadoras formarán parte do calendario que se enviará ás familias a final de trimestre. Pois sabedes que? Unha das gañadoras é a dunha nena de 5º de Primaria, pero a outra é a dunha Pondaliña da aula de 5 anos... O reno de Marta foi escollido coma unha das favoritas e protagonizará o calendario deste novo ano 2019! Iso si, polo momento mantede o segredo, a nosa compañeira non o saberá ata mañá... E ten que ser sorpresa! Estamos moi content@s pola nosa compañeira! Parabéns Marta!

mércores, 28 de novembro de 2018

NOVIDADES ESPACIAIS!

Esta mañá recibimos unha nova visita de Valentina Tereshkova! Como Neptuno é o último planeta do Sistema Solar, pensabamos que a nosa astronauta favorita non tiña máis retos para nós, pero isto non era así... Esta semana espéranos o Sol e as constelacións, e para saber máis dos conxuntos de estrelas contaremos coa colaboración dunhas persoas moi especiais... Queredes saber todo o que nos contou? Pois aquí vos deixamos a súa mensaxe! 


Hoxe xa nos puxemos mans á obra e estivemos enredando co Sol, iso si, estivemos aprendendo máis sobre a nosa estrela a media mañá, pois as primeiras horas dedicámolas a falar e a explicar tódalas novas espaciais que trouxemos os Pondaliñ@s. Algunhas noticias non as coñecía nin a profe!

Comezou Martina falándonos da recente aterrizaxe dunha nave no seu planeta: en Marte! Por suposto, buscamos información sobre este feito e estivemos vendo as primeiras imaxes que tomou este artiluxio. Seguiremos atentamente o seu camiño, vai estar 2 anos no planeta vermello! Aquí vos deixamos os vídeos que estivemos vendo hoxe:



A nosa compañeira chegou moi informada e falounos tamén do descubrimento da "Superterra", un planeta situado fóra do Sistema Solar, catro veces máis grande que o noso e que xira arredor da estrela de Barnard. É un planeta moi frío que probablemente estea cuberto por unha capa de xeo. Aquí vos deixamos un vídeo que o corrobora:


E seguindo cos descubrimentos, o noso compañeiro Roi animouse a falarnos da existencia dun planeta chamado "Duende", que en realidade é un planeta anano que se sitúa moito máis alá de Plutón. Intentou contarnos que asociado a este planeta había outro máis grande, pero non recordaba o nome. Decidimos buscar información e descubrimos que os científicos lle chamaban o planeta "X" ou "9", un gran planeta situado no Sistema Solar e polo momento invisible, pero que os astrónomos consideran que existe porque exerce unha atración sobre o planeta "Duende" grazas á súa gran forza de gravidade. Aquí tedes un dos vídeos explicativos que estivemos vendo:


E vós familias... Coñecíades todos estes descubrimentos? Estamos feitas unhas expertas e uns expertos espaciais!

Ademais, aproveitamos para contarvos que na web do colexio xa está dispoñible un vídeo-resumo do que foi o Samaín e o Magosto na nosa escola. A ver se nos atopades entre tanta imaxe... Agardamos que vos guste!