CONTOS POR BICOS: VISÍTANOS A IRMÁ DE LUCAS!

No día de hoxe continuamos cos "Contos por bicos" e na nosa aula recibimos unha visita moi especial. Esta mañá estivo con nós Candela, a irmá maior do noso compañeiro Lucas!

Leunos un conto titulado "A cousa que máis doe do mundo", unha historia protagonizada por unha lebre e unha hiena que conversan sobre aquilo que máis doe do mundo... Despois de moitas hipóteses, a lebre di que a cousa que máis doe do mundo é a mentira, e tan pronto como escoita isto, a hiena escacha a rir. A lebre, acompañada por outros animais do reino no que viven, argalla unha lea para demostrarlle que realmente a mentira é a cousa que máis doe do mundo. É unha historia fermosa que nos permitiu reflexionar na aula sobre a mentira, así como idear un final alternativo, pois ao fin e ao cabo a lebre dixo unha mentira, e iso, aínda que fose para demostrarlle á hiena que estaba errada, non está nada ben...


Ao rematar, como non podía ser doutra maneira, botamos un montón de foguetes para celebrar o moito que nos gustou esta historia. Por suposto, como agradecemento á irmá de Lucas, enchémola de bicos e achuchóns! Moitas grazas Candela, volve cando queiras!


Ademais, queremos anunciarvos que esta mañá tamén recibimos unha nova mensaxe do Capitán Nemo! Se pinchades aquí, podedes vela unha vez máis! 


Como vedes, despois das turbulencias sufridas polo Nautilus a pasada semana, o Capitán Nemo deixounos unha nova misión: seguir completando o noso caderno de anotacións coas partes nas que podemos dividir os mares e os océanos. Para iso axudámonos das palabras que el nos deixou: SUPERFICIE, AUGA SALGADA e FONDO MARIÑO. Despois de poñer en común as nosas hipóteses sobre o que significaban e onde se situaban, decidimos identificar as diferentes partes nun vídeo onde, ademais, puidemos comprobar a gran profundidade que existe baixo a superficie dos mares e dos océanos.


Xa pola tarde e cos conceptos máis que claros, decidimos estrear as acuarelas e os pinceis que o Capitán Nemo nos enviou desde o fondo do mar e que atopou nun cofre do tesouro. Sería un dos tesouros do Titanic? Quen sabe... Primeiramente, debuxamos as tres partes que o comandante do Nautilus nos mandou e logo pensamos en que parte dos mares e dos océanos habitaban os protagonistas do noso proxecto. Sen dúbida, o tiburón vivía na auga salgada, e só se achegaba á superficie cando víamos a súa aleta dorsal entre as ondas. Coas estrelas tivemos máis dúbidas, pois temos nenos e nenas que as viron nas praias (superficie), outros que dicían que nadaban polo mar (auga salgada) e outros que comentaron que só se movían polas profundidades do mar (fondo mariño). Como na maioría dos vídeos que vimos ás estrelas situábanas no fondo mariño, foi aquí onde decidimos debuxalas, e deixar un radiante sol para a superficie.

Feito isto, estabamos máis que listos para estrear os agasallos do Capitán Nemo. E así o fixemos, mirade que xeniais son os nosos debuxos sobre as diferentes partes do mar. Pensamos que o noso novo amigo vai estar máis que encantado coa nova páxina do noso caderno de anotacións!


AS PARTES DO MAR

Pero isto non era todo... O que máis nos gustou foi o submarino no que o Capitán Nemo nos mandou a nova mensaxe e os novos materiais. Mirade que xenial este mini-Nautilus! Encantounos!


Ademais, aínda que os manipulamos no recanto dos tiburóns e das estrelas, pouquiño a pouco imos presentando, comentando e analizando os materiais que cada Pondaliñ@ trae da súa casa para axudar ao Capitán Nemo coas súas investigacións! Aquí temos a Noa a semana pasada coa súa enciclopedia, grazas á que descubrimos que as estrelas de mar pertencen á familia dos equinodermos e os tiburóns á dos peixes. E tamén que as estrelas contan con pes ambulacrais para desprazarse, alimentarse e respirar, así como que os tiburóns atacan ás persoas porque os confunden coas súas presas habituais, como as tartarugas ou as focas, entre outras moitas cousas! Durante os próximos días iremos mostrando as aportacións dos demais Pondaliñ@s!


Xa para rematar, queremos mostrarvos o divertidas que son as merendas dos martes. Desta vez aumentou o número de Pondaliñ@s que atopou estrelas con diferente número de brazos e grandes tiburóns nas súas galletas. Mirade, mirade! 

Comentarios

  1. creo que o dos pinceis e una das actividades que mas lle gusta a estes nenos jijiji metense tanto na temática que ahora ven todo en modo tiburon ou estrella de mar jijijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si si, encántalles calquera cousa que teña que ver coa pintura, van saír artistas tódolos Pondaliñ@s 😍 É verdade que agora xa están completamente metidos na temática deste trimestre, pero algún aínda ve momias e sarcófagos polo patio 😂

      Eliminar
  2. Que temática tan interesante! A seguir investigando!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario