CONTOS POR BICOS: VISÍTANOS A MAMÁ DE LEILA!

No día de hoxe continuamos cos "Contos por bicos" e na nosa biblioteca recibimos unha visita  moi especial. Esta tarde estivo con nós Sandra, a mamá da nosa compañeira Leila!

Contounos a historia de "Caramba", un gato normal e corrente, que pasea, miaña e come pescado. Porén, conta cunha gran diferencia con respecto aos demais gatos: el non podía voar. Será medo? Quen sabe... Despois de moito intentalo, non consegue alzarse no aire e viaxar polo ceo sen axuda, pero si logra facer algo que os demais gatos non fan. Que será? 

A do gato Caramba é unha bonita e fantasiosa historia que nos fixo rir a gargalladas cos seus disparates, pero que tamén nos demostra que ser diferente ten a súa parte boa. O noso protagonista finalmente foi quen de descubrilo, e transformar a súa tristeza por non voar nunha inmesa alegría cando descubriu o que era capaz de facer baixo a auga do mar...


Ao rematar, como non podía ser doutra maneira, botamos un montón de foguetes para celebrar o moito que nos gustou esta historia. Por suposto, como agradecemento á mamá de Leila, enchémola de bicos e achuchóns! Moitas grazas Sandra, volve cando queiras!


Ademais, aproveitamos para contarvos que esta mañá recibimos unha nova mensaxe do Capitán Nemo, quen nos deixou unha nova misión semanal. Premendo aquí podedes escoitar todo o que nos tiña que dicir...


Por suposto, aceptamos o reto e puxémonos mans á obra. Aquí nos tedes analizando os libros cos que contamos na aula, seleccionando aqueles que falaban das partes do corpo dos tiburóns e das estrelas, para despois lelos e comentalos todos xuntos na alfombra. Tamén vimos algún que outro vídeo que atopamos na rede, e con todo isto, fumos quen de completar dúas novas páxinas do noso caderno de anotacións seguindo as peticións do comandante do submarino Nautilus. Tiñamos tantas ganas de recibir un novo reto do Capitán Nemo que non deixamos de traballar en toda a mañá, e non sabedes con canto entusiasmo!



Xa pola tarde, despois da visita da mamá de Leila, presentámoslle aos demais Pondaliñ@s novos materiais que trouxemos das nosas casas:

Martina ensinounos unha gran colección de peixes de unha e mil especies que xa deixamos no noso recanto do mar para analizar coas lupas que nos regalou o Señor do Tempo e ir clasificándoos pouquiño a pouco.

Leila tróuxonos catro tiburóns de especies diferentes. Polo momento identificamos ao tiburón branco, o tiburón azul e o tiburón balea. Pero... Que tipo de tiburón é o de cor negra? Teremos que averigualo!

Roi compartiu con nós unhas fotografías tomadas fai varios veráns co seu irmán Leo e unha estrela de catro brazos nunha praia de Muros. Grazas a estas imaxes, espontaneamente o noso compañeiro explicounos unha das curiosidades destes equinodermos e tamén unha das súas formas de reproducción. Vós sabíades que se unha estrela perde un brazo este rexenérase sen ningún problema? E que a partir do brazo perdido se forma unha nova e pequena estrela de mar? Roi xa o sabía e quixo compartilo con nós! Ademais, tamén trouxo o conto de "Un extraño tiburón" historia que coñeceremos esta semana nunha das "Horas de ler" de despois do recreo de pola mañá. O que xa lemos enteiriño foi o seu libro de información sobre os tiburóns. Xa o usáramos pola mañá para ilustrar as distintas partes dun tiburón e coñecer algunhas curiosidades sobre o seu corpo, e pola tarde terminamos de lelo para así coñecer novos tipos de tiburón e as tres maneiras que teñen para reproducirse, entre outras curiosidades destes grandes peixes.

Comentarios

  1. da gusto velos buscando información jijiji que caras de interesantes teñen todos jijiji,moito estamos aprendendo !!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Teñen que aprender a resolver os retos e as dúbidas da forma máis autónoma posible. Polo momento téñense que guiar polas imaxes e botar man das habilidades lectoras da profe, pero xa veredes cando se arranquen el@s a ler 😍😍😍

      Eliminar

Publicar un comentario