VÉMONOS NO CAMIÑO...

Cando vos coñecín tiñades 3 anos, algúns nin os chegárades a cumprir. Era setembro de 2016, a vosa primeira vez nesta escola, pero tamén a miña. Crédeme cando vos digo que foi un pracer percorrer este camiño da vosa man. Moitas horas pasei con vós mentres chorábades por mamá ou por papá, e non vos vou mentir, moitas veces eu tamén tiven ganas de facelo, incluso cando vós xa non chorábades.

Moitos días acabei colorada, despeinada, manchada, cos petos cheos de cachibaches variados e con pintura, plastilina e purpurina nos lugares máis insospeitados. Algunhas veces incluso desquiciada, para que ocultalo. Pero foi así como, pouco a pouco, todos xuntos fomos aprendendo. Vós de min pero, sobre todo, eu de vós. Non sabedes canto...

Pouco a pouco fóchedes medrando, uns tivéronse que ir e outros viñéchedes un pouquiño máis tarde, pero agora sodes 25 grandes pequerrechos que me facedes rir, chorar e algunhas veces enfadar. 25 Pondaliñ@s que me namorades día a día, que me emocionades con cada nova aprendizaxe, que nunca me deixades de sorprender, e aínda que ás veces fagades das vosas, que me queredes e me coidades coma ninguén.

Moitas grazas a vós e moitas grazas ás vosas familias por deixarme ser a vosa mestra e por facerme este camiño moito máis levadeiro. Non vou dicir que fose fácil, pero a día de hoxe e tres anos despois non vos cambio por nada do mundo. Daquela non me quedou elección, pero se actualmente me volvesen a ofrecer a temida clase dos 26, volvería a coller a vosa man unha e mil veces máis.

Non fóchedes os primeiros nin seredes as miñas últimas nenas nin os meus últimos nenos, pero sempre seredes especiais para min. O único que espero é que levedes un moi bo recordo do voso paso por Educación Infantil.

Agora, déixovos camiñando pola vida. Vémonos no camiño, tantas veces como queirades. Eu sempre estarei aí para vós.

Rocío

Comentarios

  1. Moitas gracias polo traballo que fixeches por eles e con eles. Van super preparados para primaria.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas gracias a vós por valoralo e agradecelo tanto ❤

      Eliminar
  2. buf cada vez que o leo venme a lagrimilla..non se pode expresar mellor,son os teus peques...gracias por tratalos como tal..miles de bicoss

    ResponderEliminar
  3. Madre mía, é ler a carta que lle escribiches, e recordar o día da graduación e ensenche os ollos de lágrimas. Tuveron moita sorte que ti foses a súa profe en esta etapa, o primeiro contacto co cole. MOITAS GRACIAS POR TODO

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A sorte tívena eu con el@s e con familias coma vós 😍 Moitas grazas por valorar o meu traballo e agradecelo sempre ❤

      Eliminar

Publicar un comentario