GRANDE OU PEQUENO?

Despois de realizar distintas actividades onde coñecemos e utilizamos algúns dos materiais cos que traballaremos ao longo do curso (ceras duras, ceras brandas, lapis de cores, gomets, pegamento, punzóns...), chegou o momento de aprender ou recordar algúns conceptos...

Esta mañá, a mestra Rocío colocou na alfombra unhas caixiñas de diferentes tamaños con algúns elementos coñecidos no seu interior: un pemento e un repolo; un rodete e un molde de plastilina; unha vaca e un castor; un par de lapis de cores; dúas pezas de construción; un par de bólas de madeira; dous bloques de construción; unha pinza e un escarvadentes; e un dado e unha caixa.


Por parellas, fomos descubrindo pouquiño a pouco o que había en cada caixa, comparando os tamaños dos obxectos que estas contiñan. Cal era o grande? Cal o pequeno? Fixémolo fenomenal e acertámolos case todos!


Ademais, aproveitamos para falar das cores que tiña cada unha destas cousiñas, e para isto non podiamos deixar de cantar a canción dun dos nosos contos favoritos:


Di así:

Verde, verde, verde... O crocodilo que se perde.
E sobe nun baúl... Azul, azul, azul.
E o baúl nun castelo... Amarelo, amarelo, amarelo.
E o castelo nunha pedra... Negra, negra, negra.
E a pedra nun tellado... Morado, morado, morado.
E o tellado nunha granxa... Laranxa, laranxa, laranxa.
E a granxa nun piolliño... Vermello, vermello, vermelliño!

Comentarios