CONTO DE SAMAÍN!

Despois de prepararnos nas nosas mesas e realizar as rutinas do encargado, estreamos outro dos novos xogos que mercou a mestra para nós. Desta vez os protagonistas eran uns vasos de cores con números escritos que nos permitirán realizar moitas actividades diferentes que pouquiño a pouco vos presentaremos. A de hoxe consistía no seguinte... Primeiro, a encargada Marta ordenou os vasos de maneira ascendente. Logo, varios nenos e nenas colocaron os pompóns correspondentes ao número de cada vaso. Seguidamente, tras comprobar que todo estaba correcto, pechamos os ollos, xa que a profe cambiou vasos e pompóns de lugar para que outros compañeiros e compañeiros comprobasen se coas novas modificacións todo seguía en orde ou algúns pompóns se mudaran ao vaso que non lle correspondía... Xa por último, algo moi importante... Recoller! Agora, estes vasos xa se atopan no noso recanto dos números para poder xogar con eles cando queiramos!



O resto do día dedicámosllo ao Samaín, porque como ben sabedes, a próxima semana celebrarémolo por todo o alto! (Obradoiros de cociña, corredor do terror, truco ou trato?, lecturas medorentas, curtas de terror...) Hoxe, a nosa compañeira Lucía xa foi quentando motores coas mandarinas transformadas en cabazas que trouxo para merendar! Ademais, durante o momento de Atención Educativa, falamos da importancia de axudar e colaborar cos demais. Así que de moi boa gana, Roi e Nizar botáronlle unha man á profe Rocío coa decoración de Samaín do corredor. Seguro que con tódalas teas de araña que colgamos facemos moi felices aos compañeiros e compañeiras da nosa e doutras aulas! E nós tamén o pasamos moi ben, aínda que por veces quedásemos enleados! Xa vos mostraremos como queda o noso corredor cando rematemos esta tarefa tan laboriosa!


Aproveitando que hoxe tiñamos ao profe Xalo moito tempo na nosa aula, decidimos continuar o noso conto de Samaín! Tanto traballamos que pola tarde conseguimos rematalo!



Andrea e Lucía continuaron coa historia que deixamos a medias na biblioteca. Tiraron os dados e alí puidemos ver unha cabaza e un monstro. Así decidiron seguir o conto: "Despois apareceron un monstro e unha cabaza que tamén asustaron ao fantasma".



Os seguintes foron Izan, Mariña e Alejandro, que coa tirada de dados apareceulles un gato e uns ósos, e con estas palabras continuaron así a nosa historia: "Un gato que comía ósos quería rabuñar ao fantasma para botarlle outro susto".



Continuaron Naia, Hugo e Xabi co noso conto. Nos dados tocoulles unha momia e unha lúa con estrelas. Tendo en conta isto, así seguiron eles: "Unha momia chamou ao fantasma e díxolle que saíse a fóra para ver a noite e comer a lúa".



As encargadas de rematar esta historia foron Aroa Vega, Claudia e Leila. Nos dados saiulles unha araña e un castelo, e desta maneira deron por finalizado o noso conto: "A araña pediulle perdón ao fantasma por tódolos sustos e invitouno á súa festa de Samaín no seu castelo".

Mentres uns tirabamos dados e escribíamos a historia coa mestra Rocío, outros observaban os modelos que tiñamos nos propios dados, na mesa ou no encerado (de fantasmas, ataúdes, arañas, momias, ósos, cabazas...) e debuxaban, repasaban e coloreaban co profe Xalo. Por último, mentres nós enchíamos as nosas barrigolas no comedor, a mestra colocou algúns gomets de estrelas para rematar de decorar o noso conto! Aquí nos tedes en plena tarefa! Houbo moito traballo en equipo!







Queredes coñecer o resultado final? Podedes vir ao noso corredor ou ver este vídeo!


Comentarios

  1. Encantame estan genial son uns artistas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Con moito esforzo e traballo pola súa parte e un pouquiño de axuda pola nosa cando a precisan quedan cousas moi bonitas 😊

      Eliminar
  2. Encantame o conto. Quedou genial. Traballando en equipo que ben o fan. Da gusto velos traballar en grupo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alegrámonos de que vos guste! Fixérono moi ben 😍😍😍

      Eliminar
  3. Eu tb estou de acordo en que fan uns traballos xeniais e ese conto da moooito medo😨😨😨.Noraboa Pondaliños!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Alegrámonos de que vos guste 👏👏👏

      Eliminar
  4. e moi importante saber traballar en grupo,ai vense eses resultados estupendos!!! noraboa profes e pondaliñosss!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Alegrámonos de que vos guste 👻

      Eliminar
  5. Que ben vos quedou! Parabéns!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! 😍 Un bico enorme para os Revoltiñ@s! 💜

      Eliminar

Publicar un comentario