ESTREAMOS PDI!

Menuda sorpresa a que levamos esta mañá cando entramos na nosa aula! Alguén nos cambiara a pizarra branca e puxera outra no seu lugar... O que non sabíamos ningún dos Pondaliñ@s era que esa pizarra era moito máis especial que a anterior... ERA UNHA PDI! Unha Pizarra Dixital Interactiva coa que podemos realizar un e mil xogos que se atopan pola rede...

Despois das rutinas do encargado, para estreala e ir coñecendo o seu funcionamento, comezamos cuns sinxelos xogos de lóxica e matemática que nos encantaron: contamos estrelas dalgunhas constelacións, seguimos a conta atrás dun foguete a piques de despegar, realizamos series con diferentes formas e cores e completamos algunhas sumas. Aquí vos deixamos as imaxes que o corroboran:

Seguidamente, a profe falounos da vindeira semana, da semana do Samaín, e de todo o que ocorrerá os próximos días... O luns, coma tódolos anos, os nenos e nenas maiores virannos a ler un conto relacionado con esta época do ano. Por suposto, para darlle as grazas nós preparámoslle un pequeno agasallo. Aquí vos deixamos o proceso onde uns Pondaliñ@s picaron ás e outros pintaron pinzas, a ver se logrades adiviñar que andamos a argallar... O luns descubriredes o segredo!


Despois da clase de inglés, da merenda e do recreo, coñecemos unha nova obra de Joan Miró. Titúlase "Autorretrato", e serviunos para entender a diferencia entre 'retrato' e 'autorretrato', comparando os debuxos que facemos de nós mesmos e os que facemos dos demais. Igualmente, repasamos exhaustivamente o esquema corporal, pois non entendíamos por que Miró se autorretratara de maneira tan sinxela. Pero así é a arte! Por suposto, fixemos unha reprodución deste cadro ao estilo Pondaliñ@!


Xa para rematar a xornada, aínda que nós xa coñecíamos todas estas cousiñas por estar no recanto do proxecto, quixemos presentarvos publicamente o material relacionado co Universo que aínda non publicáramos no blog. Aquí vos deixamos as diferentes aportacións, moitas grazas familias!



Aroa e Alejandro trouxéronnos estas estrelas de peluche, porque o Sol tamén é unha estrela, que rescataron das súas habitacións! Seguro que moi pronto as poderemos usar para falar dos distintos tipos de estrelas (vermellas, laranxas, amarelas, azuis, brancas...). Grazas compañeir@s!


Aroa mostrounos este brillante foguete espacial que viaxará a moitos lugares do Universo. Grazas compañeira!


Alejandro ensinounos este OVNI tan xenial, con extraterrestre incluído, que construíu coa súa familia. Grazas compañeiro!


Leila ideou este fantástico debuxo para seguir coñecendo os diferentes planetas do Sistema Solar e a súa órbita arredor do Sol. Grazas compañeira!


Claudia, xunto co seu papá, creou estas pedras lunares que parecen auténticas. Ao mellor sonnos de gran utilidade a vindeira semana, xa veredes por que... Grazas compañeira!


Noa creou esta fantástica Vía Láctea con anaquiños de papel que reciclou na súa imprenta. Ademais, tróuxonos cartolinas e papeliños para tódolos Pondaliñ@s! Por suposto, a todos nos gustou esta fantástica manualidade e nunhas semaniñas levaremos a nosa propia Vía Láctea para as nosas casas, para desta maneira dar por concluídos os retos dos planetas do Sistema Solar e darlle a benvida aos seguintes que Valentina nos propoñerá. Grazas compañeira!


Martina chegou cargadiña cunha caixa espacial que ela mesma decorou, unha estrela creada con hama-beads e cun artiluxio, o noso favorito, que coas luces apagadas e coas cortinas pechadas reflecta no teito da nosa clase diferentes estrelas. Encántanos! Grazas compañeira!


Lucía creou xunto á súa mamá esta fantástica maqueta onde os 8 planetas do Sistema Solar orbitan ao redor do Sol. Ela mesma foi a encargada de decorar tódalas esferas que representan aos distintos astros. Grazas compañeira!


Brais compartiu con nós un par de libros do Espazo que xa forman parte da nosa biblioteca de aula. Un xa o coñecíamos e trae un montón de información sobre o Universo, o outro, o máis pequeniño, apasiónanos porque ten solapas que se abren e nos dan datos curiosos que non coñecíamos. Canto imos aprender con el! Grazas compañeiro!


Zaira chegou cargadiña cun montón de información sobre o Universo, tan variada como interesante. Ademais dun par de contos que xa forman parte da biblioteca da nosa aula e un foguete espacial que nos axudará a visitar diferentes partes do Espazo. Canto imos ler as vindeiras semanas. Grazas compañeira!

E isto foi todo por esta semana... O Samaín xa está aquí e seguro que a vindeira semana tedes máis noticias dos Pondaliñ@s de 5 anos! Ata pronto familias!

Comentarios

  1. Que sorte teñen estes nenos coa profe.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A profe nisto nada ten que ver que a PDI foi comprada polo cole! 🤗

      Eliminar

Publicar un comentario