VISITAMOS UNHA EXPOSICIÓN ESPACIAL!

Se no día de onte visitamos o planetario portátil, esta mañá era a quenda dunha exposición espacial! Si si, o que escoitades! Queredes coñecer todo o que alí vimos? Agora mesmiño volo contamos!

Comezamos a sesión coñecendo a Isabel, unha gran experta do mundo espacial. O primeiro que fixo foi falarnos dos astronautas e da súa vestimenta. As prendas que usan xa as coñecemos, pero descubrimos como son as capas que os protexen do frío extremo, ou como son os tubiños que os refrescan cando a calor é excesiva. Así mesmo, descubrimos como chega o osíxeno da mochila ao interior do traxe espacial. Súper interesante!

Logo, continuamos aprendendo máis sobre a súa alimentación no Espazo. Xa sabíamos que toda a comida a levaban da Terra, e que esta tiña que ir envasada ao vacío, que non podían ser alimentos que producisen migas ou que tiñan que beber por unha palliña... O que nunca antes fixéramos fora ver esta comida en persoa, e hoxe conseguímolo! Había queixo, café, puré de froitas e un tortiña de pan.

A continuación, iniciamos a nosa viaxe cara o Espazo, e coñecemos o foguete que levou aos primeiros astronautas á Lúa, e vimos en directo como ía perdendo as súas partes que logo se transformarían en lixo espacial. Ademais, coñecemos un tipo de nave espacial que nunca antes víramos. Chámanse transbordadores e encargábanse de levar aos astronautas á Estación Espacial Internacional. Eran unhas naves que se podían reutilizar e non producían tanto lixo espacial coma os foguetes, pero tiveron dous accidentes moi grandes e deixaron de usarse. Así mesmo, tamén coñecemos un pouquiño máis da vida diaria dos astronautas que habitan ata sete meses na Estación Espacial Internacional.

Seguidamente, recordamos o proceso de como un asteroide choca contra a atmosfera terrestre para transformarse nun meteoro ou estrela fugaz, e como os cachiños destes meteoros caen ao solo do noso planeta dando lugar aos meteorito. E falando de meteoritos... Hoxe tivemos na man tres tipos de meteoritos diferentes! E ademais de tocalos puidemos ulilos porque tiñan un olor moi característico...

Xa para rematar, contámoslle á experta moito do que aprendimos sobre o Universo, tal e como nos pedira Valentina no último vídeo que nos mandou. E tamén nos resolveu algunha que outra dúbida que xurdiu. 

Gustounos moito e pasámolo moi ben! Foi unha gran experiencia espacial que nos axudou a asentar os coñecementos que xa tíñamos sobre o Universo e a aprender novas cousiñas. Aquí vos deixamos un pequeno resumo do que foi a xornada de hoxe. Agardamos que vos guste tanto como a nós!


Ademais, queremos aproveitar esta publicación para compartir con vós unha foto cos Pondaliñ@s de 3 e 4 anos que tomamos onte durante a visita do Apalpador!


E mañá máis e mellor! Toca visitar o cine de Carballo onde comeremos unhas ricas palomitas, polo que recordade que non é necesario que mañá veñamos nin con mochila nin con merenda. Xa as mestras se encargan de levar todo o necesario, tamén auga para tódolos Pondaliñ@s.

A película que veremos titúlase "Ralph rompe internet" e aquí vos deixamos o trailer:

Comentarios

  1. a Roi o que mas gracias lle fixo foi de que usan pañales non paraba de contalo e decilo..es si contou todo do que aquí resumiches estuvo genial o do palnetarioo fantasticoo cantas cousas aprenderonnn

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Siii, díxoche toda a verdade! 🤣 A verdade é que estivo moi ben e os Pondaliñ@s estaban moi motivad@s! 👏👏👏

      Eliminar

Publicar un comentario