PARES E IMPARES, BALEAS E UN PHOTOCALL CIENTÍFICO!

Despois dunha semaniña de ausencia no blog, os Pondaliñ@s queremos facervos un pequeno resumo do que ocorreu durante estes días na nosa aula...

Comezamos por esta mañá, pois seguimos avanzando nos nosos coñecementos matemáticos e estamos aprendendo máis sobre os números pares e impares! O primeiro que tiñamos que averiguar era cantas cousiñas quería a profe cando nos pediu "un par de obxectos". Lanzamos números ao azar e quen acertou foi un compañeiro que dixo... 2! Coñecendo isto, era moito máis fácil entender á mestra cando nos pedía un par de pezas, dous pares de botóns ou tres pares de alimentos!

E este xogo fixo que entendésemos isto dos números pares e impares á primeira! Claro, se as pezas se agrupaban de par en par (de dúas en dúas) e non sobraba ningunha o número era par! Pola contra, se unha peza quedaba desparellada o número era impar! 

E para comprender isto tiñamos que xogar e manipular materiais! Así que apagamos luces, pechamos cortinas e encendemos a mesa de luz! Mirade que ben o pasamos! 





Como cada vez que encendemos a mesa de luz, cando rematamos a actividade aproveitamos para montar unha pequena festa de luces, pero isto xa queda entre nós!

Ademais, continuamos xogando cos xornais para seguir aprendendo máis das baleas, e hoxe estivemos averiguando datos máis exactos sobre a balea de Valarés grazas ás diferentes noticias que atopamos na aula. Que idade tiña, canto pesaba, canto medía, que tipo de balea era, de que especie? E moito máis!

O que tamén nos axuda a seguir aprendendo máis e máis sobre as baleas son as primeiras aportacións que os Pondaliñ@s trouxeron das súas casas e que xa lle dan forma ao noso recuncho mariño. Moitas grazas familias!

Contos e libros de información.

Información atopada na rede.

Figuras.

Obras de arte.

Ademais, tamén tivemos tempo para visitar o Club de Ciencias e transformarnos en científic@s cun photocall que alí atopamos! Que ganas temos da próxima sesión!





Seguiremos informando das nosas aventuras nos vindeiros días! Mentres tanto, aquí vos deixamos un par de cancións que algúns Pondaliñ@s xa saben de memoria! Encántannos!


Comentarios

Publicar un comentario