QUERIDOS REIS MAGOS...

Esta tarde, a profe Rocío recibiu unha chamada dos Reis Magos de Oriente... Que emoción! Que será o que querían contarlle? 

Tiñan un anuncio moi importante: O PRÓXIMO MÉRCORES VISITARÁN A NOSA ESCOLA! Si si, o día no que se abre o ovo da nosa tartaruga! E como non podía ser doutra maneira, as nosas cartas teñen que estar listas para que ese día llas poidamos entregar ás súas Maxestades.

Algúns compañeiros e algunhas compañeiras xa nos comentaron todo o que lle ían pedir, polo que aproveitamos para ter unha conversa moi seria. Somos moitas nenas e moitos nenos aos que traer agasallos, compartir é importante e teñen que chegar para todos. Por este motivo, decidimos que cada un de nós só ía poñer na súa carta un ou dous xoguetes. Xa logo, se na mañá do 6 de xaneiro temos sorte, pode que os Reis Magos nos deixen algún máis baixo a árbore ou xunto aos nosos zapatos.

Esta foi a carta que Melchor, Gaspar e Baltasar lle deixaron á mestra, e que completaremos na nosa casa durante esta fin de semana. Moitas grazas ás familias pola vosa colaboración!


Ademais, como ben sabedes, o próximo martes 20 de decembro os nenos e nenas da aula de 3 anos realizaremos a nosa primeira excursión! Será ao cine a Carballo, e veremos a película de "Vaiana". Aquí vos deixamos o trailer, a ver que vos parece!

Comentarios