LISTOS PARA O DESPEGUE!

Como ben sabedes, este martes coñecemos a Valentina Tereshkova e a súa historia... A astronauta rusa necesita da nosa axuda e nós estamos dispostos a brindarlla, polo que estes dous últimos días puxémonos mans á obra e decidimos pedir a colaboración das nosas familias para encher a aula de material sobre o Universo e así comezar a investigar para lograr que a nosa nova amiga regrese á Terra. Cada Pondaliñ@ completou a súa propia carta e levouna para a súa casa e, por suposto, xa chegaron as primeiras cousiñas á clase de 5 anos! Moitas grazas familias!


Claramente, para comezar a investigar debemos coñecer de onde partimos, isto é, do que xa sabemos. Así que estes dous últimos días reunímonos en asemblea para poñer tódalas nosas ideas en común... Mirade canto coñecemos do Universo! E isto non é nada se o comparamos con todo o que imos aprender para salvar a Valentina Tereshkova!


Así mesmo, a medida que compartíamos todas estas ideas, xurdían moitas dúbidas que tamén decidimos rexistrar. Pouquiño a pouco iremos resolvendo todas estas cuestións, e a final de trimestre estamos convencidos de que seremos capaces de contestalas todiñas!


Feito isto, e co noso recuncho do universo a piques de ser estreado, estamos preparados para o despegue oficial deste proxecto! Cando será que Valentina Tereshkova se poña en contacto de novo? Enviaranos retos e misións coma o Señor do Tempo e o Capitán Nemo? Estamos desexando vela de novo!

Comentarios

  1. Seguro que ca profe Rocio e Brenda aprenden moito sobre o universo

    ResponderEliminar
  2. Tendes que perdoar que mw faltaba Valentina. Os anos nn perdonan jajajaja

    ResponderEliminar

Publicar un comentario