REALIZAMOS UN EXPERIMENTO: O 'BIG BANG'!

Esta mañá, nada máis chegar á aula, decatámonos de que alguén movera a mesa do recuncho da biblioteca ata a nosa alfombra. Pero iso non era todo, a mesa non estaba baleira! Sobre ela repousaban boliñas de plastilina de cor amarela, verde, azul e branca, ademais dun globo de cor laranxa e un punzón. Para que sería iso? Pois para realizar un experimento... Vivenciamos o 'Big Bang' na nosa propia aula! Estade ben atentos ao seguinte vídeo:


Ademais, aproveitamos a xornada para mostrar o material que xa estamos manipulando na nosa aula. Mirade cantas cousiñas, non levamos nin unha semana e xa imos ter que ampliar o recanto que lle dedicamos ao Universo! Moitas grazas familias!


Noa tróuxonos este modelo do Sol, a nosa estrela, e arredor da que xiran tódolos planetas. Ademais, ensinounos un par de debuxos do Sistema Solar e outro dun foguete viaxando polo Universo. Igualmente, chegou cun pendrive que contén varios vídeos que nos axudarán a superar as diferentes misións que nos vaia deixando Valentina Tereshkova! Moitas grazas compañeira!


Aroa ensinounos outro modelo, mais desta vez do planeta Saturno, o planeta cos aneis máis brillantes do Sistema Solar. Porque aínda que moitos pensen que só el ten aneis, isto non é así, pero xa o descubriremos moi pronto... Grazas pola aportación compañeira!


Andrea mostrounos un globo terráqueo, ou o que é o mesmo, unha representación a pequena escala do noso planeta: A Terra! Grazas compañeira!


Alejandro creou xunto á súa familia esta maqueta móbil do Sistema Solar! Decoraron os 8 planetas que xiran arredor do Sol, e ademais, tamén podemos ver a Lúa e algunhas estrelas. Gustounos tanto que xa lle pedimos a Enrique, o noso conserxe, que nolo colgase na aula. E mirade, aí está!


Sabedes o que tamén nos dixo o noso amigo? Pois que algunhas delas incluso brillan na escuridade! Moi pronto imos ter unhas cortinas novas que nos permitirán escurecer a clase para traballar coa mesa de luz, e así, cando as pechemos, poderemos comprobar se o que nos dixo Alejandro é certo! Xa vos contaremos! Moitas grazas compañeiro!


Naia tróuxonos este mural que xa colgamos na nosa cortiza, e que ideou coa súa mamá e a súa irmá Alejandra. Nel podemos ver un gran Universo cheo de planetas que xiran arredor do Sol, ademais de estrelas, galaxias como a Vía Láctea e incluso tres extraterrestres. Pero sabedes o que máis nos gustou? Pois ver como Naia e Valentina Tereshkova viaxaban polo Espazo felices e contentas! Si si, as astronautas que aí vedes son elas dúas! Ademais, tróuxonos un foguete feito con material reciclado, así como unha gran enciclopedia que nos permitirá aprender máis sobre o noso planeta. Moitas grazas compañeira!


Brais ensinounos a maqueta do Sistema Solar que creou xunto á súa familia. Como ben nos contou o noso amigo, o seu pai, a súa nai, a súa irmá Olalla e el mesmo repartiron as tarefas, e así crearon este Universo tan fantástico. Non falta nadiña, está o Sol e tamén as órbitas que seguen os planetas. Contámolos e incluso lles demos nome, e podemos confirmar que están os 8 que coñecemos: Mercurio, Venus, A Terra, Marte, Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno. Non falta ningún! Grazas compañeiro!


Lucía mostrounos un par de libros de información sobre o Universo e os planetas, e estamos segurísimos de que os utilizaremos para superar tódolos retos que nos propoña Valentina Tereshkova. Ademais, grazas á nosa amiga podemos tocar os 8 planetas, xa que os trouxo en miniatura para poder xogar con eles no recuncho do Universo. Moitas grazas compañeira!


Marta tróuxonos este gran libro do Espazo que, por suposto, tamén empregaremos para intentar traer a Valentina Tereshkova sa e salva ao planeta Terra! Grazas compañeira!


Hugo veu á clase cun par de libros de información sobre o Universo. Un deles incluso trae pegatinas e un quebracabezas! Estamos seguros de que aprenderemos e nos divertiremos moito con eles! Grazas compañeiro! 


Ademais, hoxe recibimos unha gran sorpresa... Esta mañá apareceu na nosa clase un pequeno astronauta. Si si, un astronauta chegado do Espazo! Será Valentina Tereshkova que regresou á Terra sen a nosa axuda? Non, non... A ver se adiviñades quen é?


Pois si, era o noso compañeiro Roi que se disfrazou para a ocasión! Agora, grazas a el, podemos tocar un traxe de astronauta, con casco e mochila propulsora incluídos! Deixámolo na clase por se algún Pondaliñ@ lle apetece meterse na pel destes traballadores espaciais! Ademais do disfrace, tamén nos trouxo un quebracabezas espacial que algún xa fixo no recuncho do proxecto! Moitas grazas compañeiro!

E mañá... máis e mellor! Que aínda nos queda moita semana e seguro que moi pronto chega unha nova mensaxe espacial con sorpresa incluída... Manterémosvos informadas familias!

Comentarios

  1. Como traballan estes pondaliños eo mais importante o q aprenden, e como no, facer un traballo asi con eles, vendo como se lles icorren ideas e o q disfrutamos xuntosnon ten precio, gracias Ricio, pena non ter mais tempo pa eles

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas gracias pola parte que me toca, pero, sobre todo, moitas gracias a vós por facelo todo máis fácil! 😊

      Eliminar
  2. vas necesitar outra aula pas cousiñas tan chulis que levan eses nenos!! están metidisimos no tema , e cudado con ese astronauta,non active o cohete e saia propulsado jijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Aínda vai ser esta a excusa para conseguir as miñas ansiadas aulas de Infantil na piscina! 😂 Jajajaja, ese astronauta éche moito astronauta, nunca sabes por onde vai saír 😋

      Eliminar
  3. Estrs nenos moi aplicados no traballo desde o primeiro de curso. Asi da gusto.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario