BALEA DE PLÁSTICO!
Como ben sabedes, no día de onte celebramos o Día da Paz, xornada que lle dedicamos á ecoloxista africana Wangari Maathai, unha muller que destinou a súa vida a repoboar bosques en Kenia xunto ás mulleres do "Cinturón verde".
Como ben di o noso lema deste ano: "Coidar a natureza é facer paz". Por este motivo, ademais de valorar o traballo destas mulleres de paz, decidimos relacionalo co noso proxecto trimestral e facer unha pequena reivindicación.
Os Pondaliñ@s de 5 anos somos moi conscientes da importancia de reducir, reciclar e reutilizar materiais para evitar que estes rematen nos océanos e, como consecuencia, no estómago de moitos animais mariños, como as baleas sobre as que estamos a aprender máis.
Pois ben, esta mañá coñecemos a maneira a través da que dúas organizacións fixeron visible esta problemática e denunciaron a grave situación na que viven, entre outros animais, as baleas. Deste xeito, presentáronnos dúas esculturas con forma de balea construídas integramente con plástico recollido en diferentes mares e océanos. Unha atópase en Bélxica e a outra en Filipinas, e como non podía ser doutra maneira, lemos un par de noticias que nos falasen máis delas, o que nos levou a ter unha longa asemblea sobre a importancia de non contaminar.
Polo momento descoñecemos a causa da morte da balea de Valarés, pero aínda que esta non fose a inxesta de lixo, a mestra propúxonos crear a nosa propia escultura de plástico para concienciar a calquera persoa que visite o noso corredor ou que lea este blog.
Aceptamos a proposta sen dubidalo e puxémonos mans á obra cos diferentes materiais que nos presentou a profe:
Un equipo encargouse de recortar as fotografías e as descricións das baleas de plástico de Bélxica e Filipinas, así como uns titulares de xornal que nos fixeron máis conscientes do número de baleas que morren a causa da inxesta de plástico.
Outro grupo foi o encargado de decorar as letras que compoñen o noso lema deste ano, así como as descricións das fotografías anteriores.
O último equipo foi o encargado de pegar os tapóns azuis que se atopaban no armario da reciclaxe para compoñer a nosa balea de plástico.
E os tapóns que faltaban rematáronos de pegar os nenos e a nena que acoden a Atención Educativa, xa que coa profe Bea están aprendendo moito sobre a reciclaxe e a reutilización de materiais.
E así de xenial nos quedou:
Á volta do patio, por quendas, fomos pegando os elementos que antes recortáramos e coloreáramos. Comezamos polo noso lema:
Continuamos polos titulares de xornal. Mirade canto lixo chegan a atopar dentro do corpo das baleas! É unha barbaridade!
De seguido, era a quenda das fotografías das baleas de plástico de Bélxica e Filipinas:
E xa para rematar, firmamos como autoras e autores desta obra artística que ten por obxectivo informar e concienciar sobre esta gran problemática mundial:
E este foi o resultado final, agardamos que vos guste! Por suposto, a caixa tamén foi reutilizada!
E aquí nos tedes a nós con ela:
Agora a nosa balea de plástico xa se atopa no corredor de Educación Infantil para que calquera persoa que por alí pase poida informarse e saber máis sobre este gran problema que sofre o noso planeta. Esperamos que todo o mundo nos bote unha man para protexer a natureza, que só temos unha!
Ademais, como vos prometemos onte, aquí vos deixamos o símbolo da paz completamente rematado despois de que tódolos nenos e nenas da nosa escola pasasen por este taller de manualidades tan divertido. Agardamos que vos guste! Moi pronto formará parte dunha das paredes da nosa entrada!
Q bonita quedou esa balea, xa temos mascota jajajs
ResponderEliminarSi, quedoulles xenial 🐳
Eliminarmira con tan pouca cousa que chulada quedou a balea,que importancia ten reciclar, e o símbolo da paz quedou superchuliiii, eo lema deste ano paréceme moi bo,coidar a natureza e facer paz,,que bonito seria si se fixera real.....vamos a por ello...
ResponderEliminarQue ben, alegrámonos de que vos guste! 😊 E si, pouquiño a pouco imos creando conciencia. Hai un bo futuro cos Pondaliñ@s de 5 anos! 😍
Eliminar