DÍA DA PAZ: QUEN FOI WANGARI MAATHAI?

No día de onte visitamos unha das aulas veciñas para que os nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos xunto á súa mestra Susana nos falasen da muller que protagoniza o mural que leva días colgado xunto á súa porta e que tanta curiosidade nos producía!

Por suposto, recibíronnos moi amigablemente, e de maneira moi amable ofrecéronse a explicárnolo no corredor. Foi deste xeito como coñecemos a Wangari Maathai, unha muller africana que fixo a paz coidando a natureza. Xunto a outras mulleres de Kenia, encargouse de repoboar zonas que foran completamente taladas para transformalas de novo en grandes bosques. E por este motivo, no ano 2004 déronlle o Premio Nobel da Paz!

Desta maneira, os Pondaliñ@s de 3 anos explicáronnos todo o que coñecían desta gran muller de paz e da importancia que teñen as árbores para todo o planeta!



Pareceunos moi importante o labor que realizou Wangari Maathai, así que decidimos investigar máis sobre ela... Esta mañá, nada máis chegar á nosa aula, escoitamos un conto que nos axudou a entender moito mellor a súa historia. Aquí volo deixamos!


Despois de recordar a información que xa nos deran os Pondaliñ@s de 3 anos e coñecer novos datos sobre esta muller de paz, decidimos crear uns pequenos textos que acompañasen ao mural das nosas compañeiras e compañeiros de 3 anos.

Aproveitando as noticias de baleas que temos na clase, neste trimestre estamos aprendendo un chisquiño máis sobre o texto periodístico, así que decidimos darlle forma de noticia a todo o que estabamos a piques de facer...

Primeiramente, recordamos as partes coas que conta calquera nova de xornal, e sinalámolas nos modelos que xa preparara a profe: Nome do xornal; Data; Titular; Foto; Pé de foto; Corpo da noticia. E así, pouquiño a pouco e traballando cooperativamente por equipos, fómoslle dando forma á biografía xornalística de Wangari Maathai.

Primeiro, ademais de colorear as súas letras, lemos cada titular e recordamos todo o que conseguira esta muller de paz.


A continuación, recortamos e pegamos as fotografías que se correspondían a cada titular:



De seguido, escribimos o título do noso xornal, no que aproveitamos para sinalarnos como autores e autoras de tales noticias.


Logo, recordamos e plasmamos no papel a data de hoxe e tamén o día que conmemoramos.


Despois de observar as fotografías, creamos o pé de foto.


E xa por último, recordamos tódolos datos que coñecíamos de Wangari Maathai e con todos eles creamos o corpo da noticia.





E este foi o resultado final despois desta gran xornada de traballo en común! Vós coñecíades a esta muller de paz? Sabíades todo o que fixo xunto ás outras mulleres polo noso planeta?





Nós non a coñecíamos ata que nola presentaron os Pondaliñ@s de 3 anos, así que toda esta información xa acompaña ao seu mural no corredor para que calquera que por alí pase poida saber máis sobre a súa gran fazaña!


E aínda que pareza mentira, isto non foi o único que ocorreu no día de hoxe... Tódalas nenas e tódolos nenos do colexio tiñamos como misión decorar un gran símbolo da paz que se atopaba na entrada da nosa escola. Como o noso lema deste día é "Coidar a natureza é facer paz", decidimos seguir insistindo niso de reducir, reciclar e reutilizar. Así pois, abrimos o noso armario da reciclaxe e de alí collemos unhas palliñas veñas, que xa sabemos que son un dos elementos que máis contaminan os océanos, e por iso xa non as usamos nunca na nosa aula. Pero como as palliñas non eran suficientes, decidimos aproveitar unhas ceras manley un chisquiño vellas e tamén uns gomets de estrelas que non eran suficientes para facer ningunha actividade na aula. Ademais, a profe fixo a súa aportación cuns cachiños dun washitape con moitos unicornios e outros tantos corazóns. Porque o amor tamén é paz!

Mirade que bonito nos quedou! Moitas grazas profe Silvia pola túa axuda! Nestes vindeiros días xa vos mostraremos o resultado final!






FELIZ DÍA DA PAZ FAMILIAS!

Comentarios

  1. Pareceme precioso o video e que eles se involucren dalgunha maneira.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que ben, alegrámonos de que vos gustase esta actividade! 😊

      Eliminar
  2. Non descansan e o mellor de todo e esas cousas q aprendemos nos tamen, gracias a estas profes

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Aquí aprendemos tod@s! A profe tampouco coñecía a Wangari Maathai e a súa historia ata que lle falou dela a mestra Susana! 😉

      Eliminar
  3. Eu tamen descoñecia esta mumuller tan interesante.A verdade é que ten moitas mensaxes escondidas nunha soa historia,gústame moitisimo.E que dicir dos artistas ,estou estou de que teremos un simbolo da Paz espectacular!Noraboa a todos!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, a verdade é que Wangari Maathai é unha muller moi inspiradora 😊

      Eliminar
  4. Pois eu tampouco oirá nunca falr dela...e canto merito ten ...e o símbolo da paz vai ser arte reciclado

    ResponderEliminar

Publicar un comentario