PAISAXES INVERNAIS!

No día de hoxe realizamos as primeiras rutinas do ano 2019, e foi aquí onde descubrimos que xa estabamos no inverno! Para celebrar a chegada da nova estación creamos unhas fermosas paisaxes invernais.

Primeiro, con acuarelas decoramos o noso ceo de inverno. Mentres secaban, picamos algunha que outra silueta propia desta época do ano. Logo, pegámolas de maneira libre para darlle forma á nosa paisaxe. E, por último, cuns bastonciños enchemos o cadro de copiños de neve. Aquí nos tedes en pleno proceso!





E estes son os resultados finais! Seguro que mañá xa están sequiños para que poidamos darlle título e inventar algunha que outra historia coas siluetas que os protagonizan. Xa vos contaremos! Agardamos que vos gusten!



Pero isto non foi todo o que fixemos no día de hoxe... Como xa vos anunciáramos no día de onte, esta mañá, despois das rutinas da encargada, o que tocaba era estrear un xogo de lectoescritura que nos regalou o Apalpador! Hoxe xa o inauguramos algúns de nós antes de que chegase a profe Sheila, mañá farémolo os demais Pondaliñ@s! Gustounos moito!


Antes de nada, creamos dúas moreas de pezas: unha chea de imaxes e outra cheíña de letras. Logo, cada neno e cada nena escollía ao azar unha das fotografías, tíñalle que dar nome ao que estaba vendo e logo construír a palabra a modo de quebracabezas. Aquí vos deixamos aos participantes de hoxe:



Ademais, aproveitamos para contarvos que, como xa sabedes, Brenda xa non estará connosco neste 2º trimestre. Por este motivo, ademais de ser a nosa mestra de Psicomotricidade e Atención Educativa, a que virá pasar unhas horiñas con nós será a profe Bea. Esta mañá estreouse na nosa aula e a unha Pondaliña gustoulle tanto a idea que mentres xogaba no recuncho da arte, de maneira libre e espontánea, así o retratou. Seguro que a profe Bea non tivo mellor benvida que esta!

Comentarios

  1. quedaron superchulos eses paisaxes invernais ,seguro que botaran oito de menos a Brenda,pero a Bea caerialle a baba o ver o debuxo jjiiijji preciooossoooo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que ben, alegrámonos de que vos gustasen! ❄❄❄ E si, a Bea encantoulle o debuxo! 😍

      Eliminar

Publicar un comentario