HOXE AXUDÁRONNOS A SABER MÁIS DOS CARACOIS...

No día de hoxe aprendemos un pouquiño máis sobre os caracois grazas ás aportacións de...

Lucía e Roi pasaron unha divertida tarde de manualidades na casa do noso compañeiro e aquí nos mostran estas paisaxes tan caracoleiras que modelaron coas súas mamás. Roi mostrounos os seus caracois terrestres baixo un cogomelo e un ourizo, e Lucía os seus, que paseaban xunto a un mar cheo de cunchas e caracolas ou caracois mariños.

Leila trouxo unha cuncha de caracol baleira que atopou no bosque. Grazas a ela hipotetizamos sobre o que ocorreu co corpo dese caracol e chegamos a dúas conclusións: ou o caracol perdeu a súa cuncha e se transformou en babosa ou este morreu e deixou a súa cuncha atrás. Tendo en conta que xa sabemos que babosas e caracois son animais diferentes e que o caracol non perde a súa cuncha, senón que esta medra con eles, deducimos que a opción correcta é a última.

Claudia ensinounos unhas caracolas xigantes que conseguiu a súa mamá. Mentres as observábamos, xurdiu unha dúbida na clase... Os caracois de mar tiveron corpo algún día? Por que sempre atopamos as caracolas vacías? E se tiveron corpo, pódense cociñar e comer coma os caracois terrestres? Como nos gusta moito isto de ser maiores, responder estas cuestións foron os deberes que nos puxo a profe Rocío para esta fin de semana... Acordaríamonos de dar o recado para que as familias nos botasen unha man?

Alonso mostrounos unha carta cun montón de información sobre caracois que buscou coa axuda da súa irmá Sabela. Ela pasou a información que atoparon á cartolina e o noso compañeiro debuxou tres fantásticos caracois para decorala. Grazas a Alonso recordamos moitas cousiñas que xa sabiamos dos caracois e descubrimos algo novo... Os caracois son xordos!

Grazas á nosa compañeira Naia recordamos a divertida historia do caracol Piti. Encantounos escoitala unha vez máis!


Mariña chegou cargada... Tróuxonos un par de debuxos de caracois que xa colocamos na cortiza, un quebracabezas de caracol (que tamén se transforma en abella, xoaniña, bolboreta, verme e araña!) co que xogaremos no recanto do proxecto e o que máis nos gustou... Un montón de caracois que atopou nun muro moi préto da súa casa!

Esta mañá a mestra por fin nos trouxo o caracolario no que coidaremos os nosos caracois. Botámoslle terra, tamén follas de moreira que collemos no patio e o máis importante... OS CARACOIS! Iso si, grazas a este caracolario descubrimos que aos caracois, ao ser practicamente cegos, moléstalles a luz, polo que todos eles decidiron moverese á parte superior do noso caracolario... Como podemos conseguir unha tapa transparente, e pola que poidan respirar, para poder velos sempre que queiramos? Ocórresevos algunha idea?


Aínda nos quedaron algúns materiais por ver, pero era hora de prepararse para o comedor, así que os deixamos para o próximo luns, xunto aos moitos que seguro chegarán a próxima semana. Moitas grazas por tódalas vosas aportacións, mirade que recuncho máis caracoleiro estamos creando!


Por certo, debido á chuvia hoxe tivemos que pasar o recreo no patio cuberto, e por fin puidemos estrear os encerados e os xices que alí se colocaron este curso!

Comentarios

  1. Que ben o pasan e como lles buscar cousas e saber máis dos caracois. Lucía está encantada co mundo do caracois. Que caracolario máis chulo😍 gracias profe 😘

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O caracolario en realidade é a peceira que a profe Rocío tiña de pequena 😂 A verdade é que os nen@s están moi motivados co mundo dos caracois 👏👏👏

      Eliminar
  2. o mundo caracol foi un acierto!!!e que caracolario mas molon!!o da tapa podese encargar una tapa de metacrilato transparente con buratiños,en aluponte mismo fancha a medida,ou en cristalería beres

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Foi o tema que eles elixiron, e nótase que lles encantan porque dá gusto ver como buscan polo cole caracois ou cousiñas relacionadas, ver como atenden cada vez que os compañeir@s traen materiais da casa, a cara que lles queda cando vemos algún vídeo... 🤗 Tomo nota das ideas, terei que ir preguntar. Grazas! 😊

      Eliminar
  3. O caracolario esta moi bonito. Foi unha boa idea o dos caracois.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A temática foi a que eles escolleron, alegrámonos de que vos guste 😊

      Eliminar
  4. Que proxecto tan interesante!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Se aos Revoltiñ@s de Cabana tamén lles gustan podemos facer un proxecto intercentros! 😋 (Xa sabes que a profe Rocío estaría encantada de que os seus Revoltiñ@s coñecesen aos seus Pondaliñ@s e, por suposto, de volver a traballar coa profe Mari 😉😘)

      Eliminar

Publicar un comentario