PRIMEIRO DÍA!

Despois de case tres meses sen vernos, hoxe foi o día dos reencontros: entre compañeiros e compañeiras, cos mestres e mestras, co conserxe, coas cociñeiras e as colaboradoras de comedor, cos condutores e as coidadoras de autobús... E, por suposto, con Teo! Aquí vos deixamos a nosa primeira fotografía deste novo curso!


Nada máis chegar ao cole descubrimos algún que outro cambio no patio, e tamén nos demos conta de que este ano xa somos veteranos, e temos un novo lugar no que facer a fila! Xa na nosa clase, enterámonos de que o pillabán de Teo cambiou os nosos carteis, e xa non nos sentamos no mesmo lugar que o curso pasado. Moi pronto descubriredes quen nos acompaña agora nas nosas mesas...

Despois de gardar o que trouxemos nas mochilas (mandilóns, gorras...) sentamos na alfombra, e decidimos facer un xogo de presentación coa nosa mascota, xa que neste novo curso temos un novo compañeiro que se chama Mario. Estamos moi contentos por esta noticia, pero a profe dounos outra que xa non nos gustou tanto... Iria e Daniella xa non van estar na nosa clase porque tiveron que marchar para outros colexios. Agora só somos 23... Iso si, seguro que algún día veñen de visita e isto vainos poñer moi alegres! Tamén decidimos aproveitar estes momentos na alfombra para rememorar todo o que fixemos no verán... Menudas aventuras contamos! E como hoxe era un día especial, tivemos dous recreos, e antes do primeiro, decidimos recordar os nosos lugares nas filas dos autobuses e da casa, por se a algún se nos esquecera durante as vacacións... Pero non, fixémolo fenomenal!

Despois do recreo, xunto aos nosos compañeiros e compañeiras de 5 anos, visitamos os diferentes lugares do colexio (pavillón, areeiro, comedor, aula de cine, aula de música, biblioteca...), xa que nin Mario nin os dous nenos novos da aula de 5 anos os coñecían. Fomos os demais os que lle explicamos o que faciamos en cada un, que mestre se atopaba nos diferentes espazos, algunhas normas que había que respectar... Moi pronto as nosas barrigolas comezaron a protestar, polo que volvemos á nosa clase, pasamos polo baño e puxémonos a merendar! Agora si, podedes ver quen forma parte da mesa amarela, da verde, da vermella e da azul.

A mesa amarela está formada por Naia, Xabi, Leila, Claudia, Aroa Vega e Hugo.

A mesa verde está formada por Lucía, Alejandro, Izan, Mariña e Andrea.

A mesa vermella está formada por Lucas, Zaira, Brais Pérez, Noa, Roi e Marta.

A mesa azul está formada por Mario, Nizar, Alonso, Brais Martínez, Martina e Aroa Penedo.

Despois de merendar baixamos novamente ao patio. Cando tocou a serea, fixemos unha fila e volvemos á aula, onde nos relaxamos escoitando o "Arrolo de Domaio" e recibindo as caricias da profe cunha toalliña húmida. 


Logo, escoitamos a historia dos "Chibos chibóns" que nos contou a mestra, e despois dos foguetes que sempre botamos cando rematamos de ler un conto, imitamos aos protagonistas da historia fenomenalmente ben! Patín, patín, patín... Patán, patán, patán... Patón, patón, patón...


Máis tarde, recordamos algunhas das cancións que cantamos e bailamos o curso pasado, e na clase montamos unha pequena festa! E isto foi todo por hoxe, pasámolo tan ben que se nos pasou o tempo volando. Xa era hora de recoller, ir ao baño, poñer as chaquetas e as mochilas e baixar ao comedor ou marchar para a casa! Mañá máis e mellor!

Comentarios

  1. Andrea veu super contenta do cole. Gracias polo traballo que fas

    ResponderEliminar
  2. Gracias Rocío por ser os nosos ollos no primeiro día de clase dos nosos nenos e contarnos todo o que fixeron. A Lucía non lle daba chegado o día de poder volver a clase cos seus profes e os seus compañeiros 😘😘😘😘

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Xa sabedes que a profe Rocío está un pouquiño enganchada ao blog e a ela encántalle subir estas cousiñas! 😂 Si, a verdade é que Lucía chegou emocionadísima ao cole 👏👏👏

      Eliminar
  3. que caras de felicidad teñen!! aquí Roi contou a sua maneira un monton de cousas!!,estaban deseando volver!!eso e que algo moi bo estas facendo ben....

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, viñeron todos moi contentos, e penso que Roi no o pasou nada mal 😉

      Eliminar

Publicar un comentario