MATISSE E MOITO MÁIS!

O día de hoxe foi moi axetreado... Comezamos coma tódolos días, quitando chaquetas, mochilas e axendas, e poñendo mandilóns. Como aínda non temos rutinas nin encargado ou encargada (para a próxima semana xa si!), sentamos na alfombra e comprobamos todo o que recordabamos do curso pasado: do outono e a cabaciña, do Nadal e o Apalpador, do inverno e os esquimós, da primavera e as caterpillars... Tamén cores, formas, letras e números! E, por suposto, as normas da clase!

A profe tamén nos dixo que nos irá ensinando, pouquiño a pouco, como xogar a tódolos novos xogos que temos nos nosos recunchos. Hoxe foi a quenda dun Memory xigante! Aquí tedes o antes e o despois, fixémolo fenomenal e participamos tódalas nenas e tódolos nenos da aula!



A profe tamén nos recordou que o próximo domingo é o aniversario da nosa compañeira Daniella. Como non a podemos felicitar en persoa, decidimos enviarlle unha postal cunha mensaxe moi bonita e moitos bicos cheos de amor!


Pasounos o tempo voando e xa era hora da clase de Psicomotricidade. Coma o profe Xalo estalle axudando aos nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos a vir moi contentos ao cole, hoxe visitamos o pavillón co profe Carlos!

Despois do baño, a merenda e o recreo, coma sempre, tocaba volver á calma. Hoxe, en vez de facelo nas nosas mesas, decidimos tumbarnos tranquilamente na alfombra mentres escoitabamos unha bonita canción...



Despois de repousar, moi atentos escoitamos a historia dun vello coñecido... Chámase Matisse, e el foi o autor daquel cadro que nós reproducimos o curso pasado: "O esquimó". Coñecemos a súa historia, como pasou do pincel ás tesoiras, e tamén como foi ao ceo. Por suposto, observamos moitos dos seus cadros.


Despois dos foguetes que botamos tras escoitar unha historia, decidimos transformarnos nuns pequenos Matisse, e con pinturas e pinceis creamos os nosos cadros, con moitas formas e moitas cores. Fixémolo fenomenal e moi pronto as nosas obras de arte estarán expostas na aula para que calquera que nos visite as poida admirar!







Xa para rematar a xornada, tocaba lavar as mans e quitar tódolos restos de pintura, limpar as mesas ata quedar relucentes e gardar os mandilóns nas mochilas para levalos ás nosas casas, xa que hoxe é venres. De novo relaxados, volvemos ao baño e cargamos coas mochilas, rumbo ao comedor ou ás nosas casas. Ata o próximo luns Pondaliñ@s!

Comentarios

  1. cantas cositass!!!!!e que caras de alegría teñen todos!!xa os tes dominados..Roi vexo que non se deitou..dixome mama,eu durmo de pe jijiji espero que se tea portando ben....

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. É que non sabes o ben que está iso de seguir cos mesmos nenos, na mesma clase e coas mesmas rutinas 😍 Roi ten razón, eu díxenlles que tiñan que repousar na alfombra e os demais decidiron deitarse (boca arriba, boca abaixo, de lado...) e el decidiu descansar sentado 😂

      Eliminar
  2. Que maravilla velos así todos contentos e disfrutando tanto. Encantalles facer tantas cousas ca sua profe. Gracias por compartilo con nos 😘

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, a verdade é que o están pasando moi ben, aínda que ás veces teñamos pequenos percances co pincel 🙈🙈🙈

      Eliminar
  3. Que ben ver os nenos asi de contentos e unha profe que se enseña un montón. Gracias por mostrarnos todo o que fan.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O importante é que eles/as o pasen ben no cole e que cada un vaia aprendendo ao seu ritmo 😊 Moitas grazas a vós por seguir o blog tan asiduamente e por comentar cada vez que podedes 😍

      Eliminar

Publicar un comentario