QUE FIXEMOS HOXE?

No día de hoxe continuamos recordando (e complicándoos un pouquiño máis) algúns dos xogos cos que nos divertimos o curso pasado. Desta vez foi a quenda dos pratos e dos pompóns, así como das perchas e das pinzas. Primeiramente, entre todos, ordenamos a recta numérica, polo momento do 0 ao 9. De seguido, Mario, Noa, Alejandro, Lucas, Brais M., Brais P., Aroa V., Marta e Lucía encheron de pompóns os nosos pratos segundo o número indicado. Logo, Martina ordenounos de menor a maior, e Mariña asociou un número a cada prato, xa que uns segundos antes desordenáramos tódalas tarxetas. A continuación, Mario, Claudia, Naia, Alonso, Leila, Xabi, Roi, Zaira, Nizar e Noa engancharon pinzas en cadansúa percha, en función do número indicado, e colocáronas xunto ao prato e á tarxeta numérica correspondente. Aquí vos deixamos o procedemento...



Mirade que ben o fixemos!


No día de hoxe tamén nos esperaba unha sorpresa... Por fin puidemos estrear as nosas propias pizarras con rotuladores! Entre todos e todas recoñecemos a letra que a mestra mostraba, imitamos o seu son, pensamos nalgunha palabra que comezase por esa letra e, por último, escribímola na nosa pizarra e mostrámoslla ás compañeiras e compañeiros! Estas foron algunhas das letras que saíron!


Esta mañá tamén puxemos a proba a nosa imaxinación e a nosa creatividade, e como calquera artista importante, démoslle nome aos cadros que pintamos o pasado venres. Por suposto, non perdemos a oportunidade e creamos un pequeno museo no corredor para que calquera que por alí pasase admirase o noso talento. Mirade, mirade!







Xa para rematar, nas próximas semanas coñeceremos máis sobre a vida e obra de Henri Matisse, e todo o que aprendamos plasmarémolo nun pequeno caderno do que hoxe fixemos a portada!




Comentarios

  1. Esta todo moi bonito. Son uns artistas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alegrámonos moito de que vos guste tanto o que facemos 😊

      Eliminar
  2. xa vou comprando marco pa ese Matisse! algún dia ..Valera cartos jijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Marco tamaño A3 😜 Nunhas semaniñas xa vos iremos mandando cousiñas 😊

      Eliminar

Publicar un comentario