FIN DE TRIMESTRE!

Durante estas últimas semanas estivemos preparando algunha que outra cousiña na nosa aula, pero decidimos non subir nada disto ao noso blog para que hoxe se transformase nunha divertida sorpresa para as nosas familias!

Comezamos polas bolsas, moi acordes con esta época do ano! Picamos o ovo e as patas que forman parte da nosa galiña, e tamén lle colocamos os ollos e o peteiro. A profe encargouse de montala xa que a nós resultábanos un tanto complicado! Mirade que bonitas nos quedaron! 


Seguimos coas portadas do libro que recolle tódalas fichiñas que fomos facendo durante este trimestre. Para rememorar o Entroido, transformámonos nuns divertidos pallasetes! Creamos unha perruca con pintura e pincel, cun rotulador especial fixemos unhas pestanas ben longas, e con gomets de cores colocamos o nariz e os mofletes! Para rematar, pintamos uns simpáticos sombreiros e unhas coloridas paxariñas que nos transformaron nunhas pallasas e nuns pallasos de primeiro nivel! Ademais, para darlle un ambiente máis circense, pegamos un confeti ben festivo! Que vos parecen?


Finalmente, recollemos todo o aprendido sobre os Esquimós nun LapBook que fomos creando pouquiño a pouco! O noso libro xigante transformouse nun iglú, como podemos ver na parte dianteira. Pola parte de atrás, sobre o noso bico de inuit caen copos de neve que creamos estampando pólas de piñeiro!


Se abrimos o noso LapBook, sobre as auroras boreais que creamos con acuarela, atopámonos cun esquimó pescando sobre unha montaña de neve. Somos nós! Tamén repasamos as palabras "Polo Norte" e construímos a palabra "Esquimós". Igualmente, creamos un par de xogos de palabras. No sobre de cor laranxa levamos os animais que coloreamos, e no de cor verde unhas fotos de transportes polares que picamos. Xunto a eles, as palabras que se corresponden con cada imaxe. Para poder xogar as familias téndenos que botar unha man, axudándonos a recoñecer as letras e tamén o seu son, guiándonos ata dar coa palabra correspondente, xa que aínda nos estamos adentrando no mundo da lectoescritura! Ademais, destacamos a importancia de reciclar, e para iso pegamos diferentes produtos de folletos de supermercado na cor correspondente. Gústavos o noso libro xigante?


E despois de rematar un novo trimestre, non queda máis que desexarvos unhas felices vacacións! Cargade ben as pilas para volver con máis ganas que nunca para aprender e pasalo ben na escola! E para os que non se van de viaxe e quedan por Ponteceso, aproveitamos para anunciar que desde a Biblioteca Municipal nos invitan a unha sesión de contacontos o próximo luns 10 de abril ás 11.00 horas. O Duende Dada deleitaranos cun repertorio de contos marabillosos, nos que se traballarán valores como a convivencia e a igualdade, o respeto polo medio ambiente ou o traballo en equipo. Unha divertida forma de fomentar o hábito lector entre os máis pequenos a través destes contos máxicos.

Comentarios

  1. jolinn!!! esta todo chuliiisimo!!! foi moito traballarr !! ahora entendo cando Roi me decía que estuvera picandoo jijiijijji pois seguirei as tuas recomendacions!! moi boas vacacions profes!!!!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Jajajaja, para o próximo trimestre xa abandonamos o punzón e tocará estrear tesoiras! ✂️ Igualmente, felices vacacións para vós tamén! 🐣

      Eliminar

Publicar un comentario