TEO VOLVE DA CASA DE... IRIA!

A nosa mascota máis alegre xa está de volta na escola. Veu acompañada da nosa compañeira Iria, coa que pasou a fin de semana! Queredes saber das súas aventuras? Agora mesmiño volo contamos!

O venres, nada máis chegar a casa, Teo coñeceu a Antía, a irmá de Iria, que quedou máis que encantada co conto de "O monstro de cores". Ese mesmo día pola tarde, foron ver ao Mago Antón, que estaba de paso por Carballo! Despois de sorprenderse cos seus trucos de maxia decidiron xogar no parque coas amigas da nosa compañeira. E ao chegar a noite, Iria non dubidou en durmir ben abrazadiña á nosa mascota.

O sábado madrugaron para visitar aos avós da nosa compañeira, que viven en Cuíña. Antes de chegar, pararon a descansar en Ordes, onde compraron un queique de chocolate co que Teo se puxo as botas! Ademais, aproveitaron para xogar nunha fonte que alí atoparon, aínda que a auga estaba moi fría! Xa na casa dos avós, a nosa mascota coñeceu aos curmáns de Iria, cos que estivo coidando os amorodos! Iso si, tamén apareceu unha lagartixa que os quería roubar e que chamou moito a atención de Iria e Teo!

O domingo tamén tocou visita familiar. Desta vez para coñecer aos outros avós da nosa compañeira, que se atopaban na finca de Cambre. Alí xantaron todos xuntos, e Teo puido coñecer ás curmás lucenses da mamá de Iria! Pasaron a tarde xogando e tamén aproveitaron para debuxar no seu libro.

Como vedes, foi unha fin de semana do máis interesante, e a nosa mascota amarela, ademais de pasalo fenomenal, puido coñecer un montón de lugares que nunca antes visitara!

Comentarios