TALLER DE PROFESIÓNS: OS PAPÁS DE IRIA!

Esta mañá recibimos outra desas visitas especiais coas que estamos contando nestes últimos días... Desta vez coñecemos ao papá e á mamá da nosa compañeira Iria, que viñeron desde o instituto para explicarnos en que consiste a súa profesión: alí os dous son profesores de Lingua e Literatura Castelá!

Despois de recordarnos onde se atopa o instituto de Ponteceso, Eva e Jorge mostráronnos o seu interior. Coñecemos as aulas dos seus alumnos, descubrimos que as mesas e as cadeiras son moito máis grandes e tamén que teñen un encerado moi parecido ao noso, pero o que non teñen son tantos xoguetes coma nós, nin tampouco os nosos recunchos. Tamén vimos como era a súa biblioteca: ten moitos libros, xogos, películas, ordenadores, un sofá... E aínda que ao seu instituto acoden nenos e nenas moito máis maiores, alí tamén celebran festividades coma o Samaín ou o Nadal.

Os papás de Iria tamén nos ensinaron como eran os libros que usaban para ensinar a súa asignatura, pero como nós aínda non sabemos ler, mostráronnos un par de vídeos para coñecer a dúas personaxes históricas moi importantes e moi relevantes na nosa cultura: Don Quixote e María Pita.



Ademais, descubrimos o que é un caligrama. E igual que fan os nenos e nenas maiores, nós tamén decoramos un!

Finalmente, como Eva e Jorge tiñan que volver ao instituto para darlle clase ao seu alumnado, despedímonos deles dándolles as grazas pola visita e mandándolles moitos bicos. A nosa compañeira Iria tamén os agasallou cun diploma para agradecerlles que nos ensinasen tanto sobre a súa profesión!

Comentarios