TALLER DE PROFESIÓNS: OS PAPÁS DE MARIÑA!

Esta tarde, na nosa aula recibimos a última das visitas especiais coas que estamos contando nestes días. No día de hoxe estiveron con nós Reme e Alfonso, a mamá e o papá da nosa compañeira Mariña!

Alfonso é reloxeiro, e como non podía ser doutra maneira, ensinounos un montón de reloxos: de parede, de pulseira, con péndulo, de cuco, de bolsillo, espertadores antigos... Sen dúbida, o noso favorito foi o de cuco e xa pedimos un para a nosa aula! O papá de Mariña tamén nos ensinou o mecanismo interno dun destes reloxos, e algúns dos instrumentos que usa para arranxalos na súa reloxería.

Reme é técnica deportiva, e como ben sabemos, traballa no Concello de Ponteceso intentando que nenos e maiores fagamos deporte. Ela veu cargada cunha bolsa, e do seu interior saíron moitas pelotas que usamos en diferentes deportes: fútbol, baloncesto, voleibol, tenis, ping-pong, bádminton, ximnasia rítmica, xogos predeportivos... Ademais, ensinounos algunhas fotos das actividades municipais das que forma parte (fútbol, baloncesto, patinaxe, judo e deportes para a terceira idade), e por alí estabamos algúns de nós e dos nosos familiares!

Xa para rematar, Mariña entregoulles aos seus papás un diploma no que lle agradecemos que nos viñesen ensinar tanto sobre a súa profesión! Pero iso non era todo, Reme aínda nos tiña preparado un xogo moi divertido no patio! Pasámolo xenial!

Comentarios