TALLER DE PROFESIÓNS: OS PAPÁS DE NOA!

Na tarde de hoxe recibimos outra destas visitas especiais que tanto nos gustan... Nesta ocasión visitáronnos o papá e a mamá da nosa compañeira Noa, que viñeron directamente da súa imprenta para explicarnos en que consiste o seu oficio.

Comezamos a sesión observando unha presentación que nos proxectaron na nosa pantalla, onde puidemos ver o lugar no que traballaban (unha imprenta en Ponteceso, moi pretiño do noso colexio) e tamén os materiais e a maquinaria que empregaban (papel, pegatinas, vinilos, ordenadores, impresoras, fotocopiadoras, ploters, guillotinas...). Pero sen dúbida, o que máis nos gustou foi comprobar todo o que facían: tarxetas, postais, sobres, carteis, camisetas, cuños, revistas... E por alí apareceron a furgoneta do papá de Lucas, un camión coma o do papá de Alejandro, a asesoría dos papás de Alonso ou a xoiería do papá de Mariña! Isto e moito máis rotularon os papás de Noa!

E despois destas explicacións, tocaba poñerse mans á obra! Xunto a Olga e Suso, o primeiro que fixemos foi crear o noso propio conto, xa que na súa imprenta tamén se crean libros! Collemos as follas, colocámolas na posición correcta, grampámolas e unha vez dobladas xa tiñamos a nosa historia! Titúlase "A eiruga e a flor", e é un conto moi primaveral que poderemos ler e colorear nas nosas casas. Nós tamén o leremos no cole, xa que Cleo aínda non coñece esta historia e estamos seguros de que lle encantará!

E seguimos traballando, agora era o momento dos vinilos e das pegatinas! Grazas a Suso, a nosa clase quedou chulísima cuns vinilos de Vaiana e da Patrulla Canina. Nós botámoslle unha man asegurándonos de que os deixase ben centrados! E xunto a Olga decoramos a nosa mesa, xa que creamos os nosos nomes cunhas pegatinas que a mamá de Noa nos regalou! E aínda nos quedan moitas máis na aula para seguir facendo cousiñas!

Como xa era hora de marchar, os papás de Noa agasalláronnos cunha bolsiña onde tiñamos o noso conto, uns lápices de cores e un calendario da súa imprenta! A nosa compañeira Noa tamén lle regalou un diploma para agradecerlle a súa visita e que nos ensinasen tanto sobre a súa profesión! Pasámolo moi ben!


TALLER DE PROFESIÓNS: OS PAPÁS DE NOA! - Kizoa Editar Videos - Movie Maker

Aproveitamos tamén para comentar que esta semana será a última na que levaremos un conto da biblioteca para as nosas casas, xa que no mes de xuño non se realiza o préstamo bibliotecario para poder recontar todos os exemplares que alí se atopan!

Comentarios

  1. O video non se ve. Gracias

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola, no meu ordenador vese sen problemas. Probablemente teñas que facer click dereito sobre o vídeo para executar Adobe Flash Player. De todas formas déixoche o link do propio vídeo da páxina de Kizoa, esperemos que aí si o poidas ver: https://www.kizoa.es/Editar-Videos-Movie-Maker/d115720996k2878089o2l1/taller-de-profesins-os-paps-de-noa

      Eliminar

Publicar un comentario