CONTOS POR BICOS: VISÍTANOS A IRMÁ DE CLAUDIA!

No día de hoxe continuamos cos "Contos por bicos" e na nosa biblioteca recibimos unha visita moi especial. Esta tarde estivo con nós Ainoa, a irmá maior da nosa compañeira Claudia!

Con ela coñecemos o conto "Unha familia normal" e aos seus protagonistas: papá crocodilo, mamá xirafa e os seus dous fillos, unha pequena xirafa de cor verde e un pequeno crocodilo a manchas. Os catro forman unha familia normal e felices e contentos viven na súa casa-piscina. Como calquera familia, encántalles almorzar todos xuntos, pero desta vez un tapón fixo deste almorzo unha divertidísima aventura! Canto nos rimos!


Ao rematar, como non podía ser doutra maneira, botamos un montón de foguetes para celebrar o moito que nos gustou esta historia. Por suposto, como agradecemento á irmá de Claudia enchémola de bicos e achuchóns! Moitas grazas Ainoa, volve cando queiras!


E falando da biblioteca, Cleo propúxonos crear uns marca-libros para que cando a visitemos, saibamos de onde collemos un conto e onde o temos que volver a deixar de novo. Pintamos á mascota, puxemos o noso nome e o noso número de carnet, pegamos gomets... Aquí nos tedes decorándoos! 


Ademais, aproveitamos para contarvos que esta mañá recibimos unha nova visita do Señor do Tempo! Chegou cargadiño! Os nosos pasaportes xa teñen o terceiro selo porque superamos con éxito o reto das raíñas e faraóns! Como non podía ser doutra maneira, deixounos unha nova proba: averiguar máis do que xa sabemos sobre as pirámides exipcias, e para iso deixounos un traballiño moi fácil... Un quebracabezas das tres grandes pirámides xunto á esfinxe de Guiza que, por suposto, xa quixemos facer nada máis volver do recreo! Ademais, agasallounos cunhas figuras exipcias coas que xogaremos no recanto das construcións.


E isto non é todo! O Señor do Tempo quíxonos ver transformados en arqueólogas e arqueólogos exipcios e para iso deixounos unha pirámide na que tivemos que adentrarnos e descubrir os seus segredos máis ocultos. Todo ía estupendamente ata que unha compañeira dixo... "E se é a pirámide de Tutankamón? Se a abrimos cúmprese o maleficio e morremos todos como o arqueólogo que descubriu a de verdade!". Despois de reflexionar sobre a bondade do Señor do Tempo (como nos ía regalar unha pirámide enfeitizada!), e aínda que algúns non demasiado convencidos, finalmente animámonos a participar nesta divertida aventura!

Pouco a pouco fomos lendo as instrucións que viñan no interior da caixa e, por quendas, levámolas á práctica: Observamos o xeroglífico que se correspondía coa entrada da pirámide e foi Mariña a que o buscou nas súas paredes; Naia, Mario e Claudia, cincel e martelo en man, petaron e petaron entre a terceira e a cuarta letra ata que a cúspide cedeu; Zaira, Marta, Leila, Martina, Lucas, Izan, Alejandro e Xabi revolveron a area ata que descubriron un sarcófago; seguiron Roi, Aroa V., Brais M., Andrea, Nizar, Noa, Alonso, Lucía, Hugo, Aroa P. e Brais P. excavando máis fondo ata que encontraron catro figuras que non identificamos, aínda que tiñamos dúbidas entre se eran xarróns que lle deixaron ao faráon como ofrenda ou se eran catro deuses protexendo ao sarcófago (mañá rebuscaremos nos libros para atopar máis información sobre as pirámides e seguro que nos encontramos cos vasos canopos, e aínda que non estivésemos cen por cen no certo, descubriremos que non iamos tan mal encamiñados ao pensar nos deuses-xarróns); Finalmente, o encargado do día limpou a area e o polvo que estes arqueólogos e arqueólogas deixaron na alfombra tralas súas excavacións. Aquí nos tedes en pleno proceso!


Comentarios

  1. Estan todos entusiasmados co proxecto Exipto,creo que vas ter que levalos de escursion a Exipto,as mamas,por suposto apuntamonos jijijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, moitos Pondaliñ@s tamén me din que van a ir de viaxe a Exipto, pero tal e como están as cousas actualmente nese país case mellor quedar na casa! 🙈 Sempre podemos levalos ao British Museum de Londres a ver a súa exposición exipcia e a coñecer a Pedra Rosetta 😜

      Eliminar
  2. Nos apuntamonos o viaxe!!!q ben velos tan implicados no tema. Estou segura de que Ainoa estuvo encantada contandolle o conto os nenos...cocque lle gustan os nenos a esa moza, tes unha boa axudanta cando a necesites e ela encantada!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Veña, que fletamos un avión só para os Pondaliñ@s e as súas familias! 🤣🤣🤣

      Eliminar
  3. Claudia veu encantada de que sua irma fora contarlle o conto sua irma. E ainoa veu encantadisina, emicionada e moi contenta de ir contarlle o conto os nenos de catro anos e tamen polos bicos e apretas que recibiu de cada un deles. E Ainoa estara encantadisima de axudarche no que necesites Rocio xa que os nenos lle encantan e encantalle estar con eles. 🤗🙂

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alegrámonos moito! 👏👏👏 A verdade é que é unha experiencia xenial, tanto para os irmáns maiores como para os pequenos 😍😍😍

      Eliminar

Publicar un comentario