REMATAMOS O RETO DAS RAÍÑAS E FARAÓNS!

A principios desta semana recibimos unha nova visita do Señor do Tempo, quen nos deixou unha carta na que se nos pedía aprender máis sobre as raíñas e os faraóns. Así pois, esta semana puxémonos mans á obra! Consultamos libros, buscamos información no ordenador e vimos diferentes vídeos para descubrir novas cousas sobre os que reinaban nesta antiga civilización: coñecemos novos estamentos sociais, aínda que nós os entendemos como novas profesións exipcias; falamos dos tres grandes faraóns que mandaron construír as pirámides de Guiza; descubrimos por que a Tutankamón o coñecían como o neno faraón; coñecemos a Hatshepsut, a primeira raíña de Exipto, que se vestía como se fose un faraón; aprendemos máis sobre a vestimenta dos monarcas exipcios; decatámonos da súa particular maneira de poñer o perfume; e moito máis! Todo isto plasmámolo de maneira escrita en catro traballiños que formarán parte do noso "Libro de Exipto"! Os de Xabi, o noso encargado de hoxe, deixámolos na caixa do Señor do Tempo para que este lle dea o seu visto bo e nos regale un novo selo para os nosos pasaportes! Conseguirémolo? Nós pensamos que si! E o máis importante... Deixaranos un novo reto? Estarémolo esperando con ganas!



Ademais, novas aportacións sobre o Antigo Exipto chegaron á nosa aula:

Noa tróuxonos este prato decorativo que ben podería ser un dos utensilios que os exipcios lle deixaban como ofrenda ás raíñas e aos faraóns nos seus sarcófagos. Nel podemos ver un par de dromedarios e outro par de palmeiras en pleno deserto do Sáhara! Moitas grazas compañeira!

Hugo mostrounos tódolos debuxos que decorou na súa casa! Como vedes, encántalle todo o que teña que ver co Antigo Exipto! Ademais, xa temos nova lectura para a semana grazas a un novo libriño de información que tamén nos trouxo o noso compañeiro! Moitísimas grazas!

E falando de raíñas e faraóns, presentámosvos a canción que estamos aprendendo coa mestra Luisa! Aquí vos deixamos o rap de Kamón o faraón! Proximamente, cando teñamos a coreografía un pouquiño máis ensaiada, compartirémola con todos vós!

Comentarios

  1. mira ti,que naqueles tempos , e xa que presumidos che eran..jijijiji deseando ver ese rap..mola cantidubiii jijijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Xa está informada a profe Luisa das vosas ganas de ver o rap dos Pondaliñ@s, proximamente os gravará na aula de música 👏👏👏

      Eliminar

Publicar un comentario