CONTOS POR BICOS: VISÍTANOS A MAMÁ DE BRAIS!

No día de hoxe continuamos cos "Contos por bicos" e na nosa biblioteca recibimos unha visita moi especial. Esta tarde estivo con nós Bea, a mamá do noso compañeiro Brais!

Contounos a historia dos "Chibos chibóns", tres cabritos, un grande, un mediano e un pequeno, que deciden baixar da montaña para comer un pouco de herma, mais cando deciden cruzar a ponte atópanse cun ogro moi famento...


Seguidamente, presentounos a "Chocolata" e contounos a súa divertida historia. Chocolata é unha hipopótama á que lle encanta darse baños na selva, mais un día descubre que na cidade existe unha casa de baños e alá foi ela a probalos. Durante a súa aventura urbana, Chocolata visita tendas de roupa, zapatarías, restaurantes, hoteis e, por suposto, a casa de baños. Logo, buscou un agasallo para o seu amigo Teófilo e alá volveu á selva co seu chándal e os seus novos tenis de luces.


Ao rematar, como non podía ser doutra maneira, botamos un montón de foguetes para celebrar o moito que nos gustou esta historia. Por suposto, como agradecemento á mamá de Brais, enchémola de bicos e achuchóns. Moitas grazas Bea, volve cando queiras!


Ademais, aproveitamos para presentarvos algúns dos materiais que van chegando á nosa aula para seguir aprendendo sobre os tiburóns e as estrelas de mar:

Brais tróuxonos o peluche dunha foca, un animal mariño do que se alimentan moitos tiburóns. Algúns, incluso atacan aos humanos por confundirnos con elas.

Marta presentounos este libro no que tivemos que atopar moitos animais mariños, ao mesmo tempo que aprendemos novas curiosidades sobre algúns deles.

Mario veu acompañado dun libro que xa coñecíamos e tróuxonos un montón de fotografías que tomou durante a súa visita ao Aquarium da Coruña fai uns semanas. Estamos moi emocionados e emocionadas coa nosa próxima excursión e desexando descubrir tódolos segredos que alí se atopan, especialmente os relacionados cos tiburóns e coas estrelas de mar.

Martina chegou cargada cunha pelota na que aparece o tiburón de "Buscando a Nemo", cun peixe de peluche, cun conto que ten por protagonista a un golfiño, cun libro de adiviñas cunha dun tiburón e outro de formas nas que aparecen moitos animais mariños, e tamén cun gran xogo de pesca.

Comentarios