PROXECTO DE XORNADA ÚNICA DE MAÑÁ.

Estimadas familias:

O pasado venres 27 de abril, dende o noso centro educativo fíxosevos chegar unha circular informativa sobre o proceso a seguir con respecto ao 
Proxecto de Xornada Única de Mañá 
que se intentará implantar no noso colexio o vindeiro curso 2018/2019. Na páxina web do centro, así como no taboleiro de anuncios da escola, xa podedes consultar os diferentes documentos informativos publicados: o propio proxecto, o censo electoral, o calendario de actuacións e o tríptico informativo.

Como mestra das vosas fillas e dos vosos fillos e, polo tanto, como parte implicada neste proceso, síntome na obriga de informarvos sobre o mesmo.

Con respecto ao calendario de actuacións, este distribúese do seguinte xeito:


Con respecto ao propio proxecto, estes son os aspectos organizativos a destacar:

Por primeira vez, realízase unha votación conxunta entre o CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso e o CEIP As Forcadas de Corme para lograr a implantación da xornada única de mañá en ambos centros. Para que isto suceda, NOS DOUS CENTROS PRECÍSASE ALCANZAR O 58% DE VOTOS FAVORABLES. Se esta porcentaxe se logra en Ponteceso pero non en Corme, ou viceversa, non se implantará a xornada única de mañá en ningún dos colexios.

No caso do CEIP Eduardo Pondal, o horario lectivo quedaría establecido do seguinte xeito: de 9.15 a 14.15 horas. Como podedes comprobar, o número de horas lectivas é idéntico ao actual e as clases contan coa mesma duración que a día de hoxe. O único que se modifica é a súa estrutura, producíndose desta maneira un menor número de interrupcións ao longo da xornada.


De luns a venres, as clases rematarán ás 14.15 horas e, como ata o momento, as familias poderán recoller a esta hora ao alumnado que non faga uso do servizo de comedor escolar. 

O alumnado restante, a gran maioría, ten garantido o servizo de comedor escolar nas mesmas condicións que ata o momento: xestión directa do centro, elaboración diaria da comida por parte do persoal de cociña nas instalacións da escola e participación das colaboradoras e colaboradores de comedor durante todo o curso escolar. O horario de comedor é, de luns a venres, das 14.15 ás 15.15 horas. De martes a xoves, as colaboradoras e colaboradores de comedor permanecerán no centro ata as 15.30 horas organizando ao alumnado que acuda á biblioteca-ludoteca e ás actividades extraescolares do concello. Os luns, atenderán ao alumnado de comedor ata ás 16.15 horas. É completa e rotundamente falso que a implantación da xornada única de mañá conleve unha modificación ou supresión do servizo de comedor. COA XORNADA ÚNICA O ALUMNADO DO CEIP EDUARDO PONDAL TEN TOTALMENTE GARANTIDO O SERVIZO DE COMEDOR EN IDÉNTICAS CONDICIÓNS QUE ATA O MOMENTO. Confirmado por Inspección Educativa e Xefatura Territorial.


Igualmente, o servizo de transporte escolar tamén queda garantido nas mesmas condicións que ata o momento, podendo o alumnado facer uso del tanto nas entradas como nas saídas. De martes a venres, os autobuses sairán do colexio ás 15.15 horas, mentres que os luns o farán unha hora máis tarde, ás 16.15 horas. Polas mañás, o horario dos autobuses será regular os cinco días da semana. É completa e rotundamente falso que a implantación da xornada única de mañá conleve unha modificación ou supresión do servizo de transporte escolar. COA XORNADA ÚNICA O ALUMNADO DO CEIP EDUARDO PONDAL TEN TOTALMENTE GARANTIDO O SERVIZO DE TRANSPORTE ESCOLAR EN IDÉNTICAS CONDICIÓNS QUE ATA O MOMENTOConfirmado por Inspección Educativa e Xefatura Territorial.


Igualmente, de martes a venres, das 15.30 ás 17.30 horas, desde o centro ofertarase un servizo de biblioteca-ludoteca para o alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria que queira facer uso do mesmo. De igual forma, trasladaremos e recolleremos ás nenas e nenos ás diferentes actividades extraescolares ofertadas polo concello e entregarémolos ás familias nos horarios establecidos.


A continuación, explícase pormenorizadamente o noso proceder:

  • 14.15 horas: Remate das clases. Entrega ás familias do alumnado que non faga uso do servizo de comedor escolar.
  • 15.15 horas: Remate do servizo de comedor escolar. Entrega ás familias do alumnado que non fago uso de transporte. Saída do transporte escolar.
  • 15.15 - 15.30 horas: Organización do alumnado que acode á biblioteca-ludoteca do centro. Traslado do alumnado que o requira ás actividades extraescolares do concello.
  • 16.30 horas: Traslado do alumnado da biblioteca-ludoteca ás actividades extraescolares. Entrega do alumnado da biblioteca-ludoteca ás familias. Recollida do alumnado nas actividades extraescolares e traslado á biblitoeca-ludoteca.
  • 17.30 horas: Traslado do alumnado da biblioteca-ludoteca ás actividades extraescolares. Entrega do alumnado da biblioteca-ludoteca ás familias.


Os luns non se ofrecerá o servizo de biblioteca-ludoteca porque a totalidade do profesorado permaneceremos no centro escolar realizando as seguintes tarefas:

  • 15.30 - 16.30 horas: Atención ás familias. Titorías e reunións.
  • 16.30 - 17.30 horas: Coordinación entre o profesorado.
    • 1º luns de mes: Reunión dos diferentes equipos (Biblioteca; Convivencia; Dinamización da Lingua Galega; Extraescolares; TIC)
    • 2º luns de mes: Reunión de ciclo en Educación Infantil. Reunión de niveis educativos en Educación Primaria.
    • 3º luns de mes: Reunión da Comisión de Coordinación Pedagóxica.
    • 4º luns de mes: Reunión do Departamento de Orientación.
  • 17.30 - 18.30 horas: Reunión de Claustro de Profesores. Reunión de Consello Escolar. Reunións informativas para todo o profesorado. Calquera outra reunión necesaria para o bo funcionamento do centro.

De martes a xoves, unha quenda de mestras e mestres permaneceremos no centro para atender ao alumnado que desexe facer uso do servizo de biblioteca-ludoteca, así como para acompañalos e recollelos das actividades extraescolares do concello e entregalos ás familias nos horarios establecidos, tal e como se explicou liñas atrás.


Como mestra das vosas fillas e dos vosos fillos e, independentemente da resposta que introduzades no voso sobre, só pido que o próximo luns 28 de maio, das 9.15 ás 21.00 horas, todas as familias vos acheguedes á escola a votar, e que cando veñades, o fagades pensando única e exclusivamente no benestar dos nenos e das nenas, xa que eles e elas son o verdadeiramente importante en todo este proceso. 

Ademais, anímovos a participar nas diferentes reunións informativas, charlas-coloquios e debates que organiza tanto o centro escolar como a ANPA da nosa escola, e que se celebrarán nas próximas semanas, tal e como puidéchedes comprobar no calendario de actuacións. Igualmente, a miña aula está aberta para solventar calquera dúbida que teñades ou poida xurdir, así como para aclarar calquera información que vos poida chegar. 
____________________________________________________________

Ata o momento escribinvos como a mestra dos vosos fillos e das vosas fillas, compartindo con vós a información que se recolle no "Proxecto de Xornada Única de Mañá" proposto para o vindeiro curso 2018/2019. A partir de agora, escribireivos como a profesional frustrada que teñen os vosos fillos e as vosas fillas por mestra.

Despois de aquel "Grazas" que publiquei un ano atrás ante esta mesma cuestión, penso que todas e todos coñecedes o meu parecer sobre a implantanción da xornada única de mañá no CEIP Eduardo Pondal. Unha das miñas citas de cabeceira é a que un día pronunciou o activista sudafricano Nelson Mandela, e son fiel defensora de que a educación é a arma máis poderosa que se pode usar para cambiar o mundo. Pero para poder facelo, a educación debe ser integral e de calidade, e a día de hoxe, en parte, estámoslla negando aos nosos nenos e nenas cunha xornada que os limita en moitos aspectos. A eles como alumnos e a min como mestra, non sabedes realmente canto...

Creo firmemente nos beneficios da xornada continua, e falo dende a propia experiencia, pois esta é a xornada coa que convivín durante o curso 2015/2016 no CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños. Ese era o meu primeiro ano no mundo da docencia, e tamén o primeiro do colexio con xornada única. Este, ademais, contaba cun proxecto moi similar ao proposto para o CEIP Eduardo Pondal. Tres anos despois, o centro continúa co mesmo horario (9.10 - 14.10 horas). Por suposto, os servizos de comedor e transporte escolar mantéñense nas mesmas condicións que coa xornada partida, sen modificacións nin, moito menos, supresións. Igualmente, o servizo de biblioteca-ludoteca e traslado do alumnado ás actividades extraescolares segue en funcionamento. E o máis importante, as nenas e nenos cabaneses gozan dun horario sen interrupcións que favorece o seu rendemento intelectual, un horario que permite a mellor planificación e distribución de actividades por parte do profesorado, un horario que permite combinar os tempos de estudo coas actividades extraescolares e os momentos de xogo libre tan necesarios ao longo de toda a infancia...

Como alumna dese centro, durante os seis anos da Educación Primaria, sufrín as consecuencias de chegar máis alá das cinco da tarde á miña casa, renunciando, conforme ían avanzando os cursos, a calquera tipo de actividade extraescolar e/ou ocio en familia entre semana por ter que dedicarlle as poucas horas de tarde que me quedaban a un tempo de estudo que moitas veces resultaba insuficiente. Durante o meu período de prácticas universitarias, tamén escollín este centro para realizalas, e alí puiden sentir por primeira vez aquelas interrupcións horarias que limitan e cortan calquera actividade que se propoña, ver o que era unha tarde nunha aula de Educación Infantil...

Polo ben dos meus meniños e das miñas meniñas, e polo de todo o alumnado dos colexios de Ponteceso e Corme, de corazón espero non ter que volver a escribir unha publicación similar á do pasado curso. Nesta ocasión, espero darvos as grazas, darvos as grazas por ter conseguido algo que ansiamos unha gran maioría, unha gran maioría silenciada por unha porcentaxe inxusta.



Dito isto, só teño unha cousa que engadir: Votade SI ou NON, pero votade. E por favor, facédeo pensando no mellor para as vosas fillas e os vosos fillos. Polo seu presente e, sobre todo, polo seu futuro.

Un saúdo,

Rocío

Comentarios

  1. Moitas gracias Rocio por mollarte.....que todos vaian votar pensando no mellor futuro pos seus fillos...que pensen cando veñan cheos de deberes e ensamenes...

    ResponderEliminar
  2. 👍🏼 O futuro dos nosos nenos e o que importa .

    ResponderEliminar
  3. Iso e o que mais importa
    o futuro dos nosos nenos e nenas. E e moi duro estar en epoca de examenes e nn poder ir as actividades e deitarse as 12 da noite porque as tardes nn che chegan a nada e que nn traian deberes senn si que a facemos boa. Esta e a miña forma de pensar cada un ten a sua. E cada un e moi libre de tera sua opinion e de decir o que pensa sin que a nadie lle parezca mal.

    ResponderEliminar
  4. Como moitos saberedes ademais de mestra no colexio, son nai dende fai 6 meses.No futuro a miña nena non irá a un cole con xornada partida se a súa nai pode impedilo. Vale que eu sufrise dita xornada como alumna nos anos 80 e vale que como adulta teña que seguir a sufrila, pero que a teña que sufrir un cativ@ nacido neste século paréceme unha barbaridade.
    Levo traballando de mestra dende o 2003. Pasei dende aquela por 6 colexios diferentes. O CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso é o único de todos eles coa xornada partida, polo tanto tería argumentos para encher un tren para defender a xornada contínua. Argumentos verdadeiros. Podería facer campaña a favor da xornada contínua, pero non a vou facer porque isto consiste en ir votar SI ou NON e listo. Señoras e señores non consiste en andar polo pueblo facendo campaña a base de argumentos falsos e de provocarlle medo a outras familias con mentiras. As familias que non queiran o cambio de xornada que voten NON libremente, pero que non sexan condicionados polas mentiras doutras familias que non queren o cambio.
    O que mais pena me dá de todo isto son os nenos e as nenas que 175 días ao ano acuden ao CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso. Tamén me dou pena eu mesma porque vexo como os compañeir@s mestres e mestras van desfilando ano tras ano para outros centros cunha xornada mellor. Cando consigues entenderte c@s compañeir@s e traballar cómoda aló se van e volta a empezar.

    ResponderEliminar
  5. Pois si Meibel !!! moi ben falado!! haber si desta vai !!!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario