IMPLANTACIÓN DA XORNADA ÚNICA DE MAÑÁ.

Estimadas familias:

Como ben sabedes, no día de hoxe produciuse a votación, tanto no CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso coma no CEIP As Forcadas de Corme, que pretendía conseguir a implantación da xornada única de mañá en ambos centros.

A participación foi do 91,61% en Ponteceso (142 de 155 familias) e do 100% en Corme (43 de 43 familias).

En ambos centros se precisaba, como mínimo, un 58% de votos favorables con respecto ao censo total. Así pois, en Ponteceso eran necesarios un mínimo de 90 votos (Porcentaxe do 0,58 x 155 familias = 89,9 votos) e en Corme de 25 votos (Porcentaxe do 0,58 x 43 familias = 24,94 votos).

Unha vez realizado o escrutinio, en Ponteceso obtivéronse 92 votos afirmativos fronte a 50 votos negativos. Pola súa banda, en Corme foron 35 votos afirmativos fronte a 8 votos negativos. En ningún centro se depositaron votos en branco ou votos nulos.

Aquí vos deixamos as actas que corroboran esta información:



Polo tanto, como mestra dos vosos fillos e fillas, compráceme informarvos de que a partir do vindeiro curso 2018/2019, a xornada única de mañá queda implantada en ambos centros, e as nenas e nenos de Ponteceso poderán gozar dun horario lectivo que, na nosa escola, irá das 9:15 ás 14:15 horas. Seguidamente, das 14:15 ás 15:15 horas poderán facer uso do servizo de comedor e, seguidamente, do servizo de transporte escolar. Por último, de martes a venres, das 15:30 ás 17:30 horas poderán facer uso do servizo de biblioteca-ludoteca, así como do traslado desde o propio centro ás actividades extraescolares ofertadas polo concello.

Como augurei fai unhas semanas, emulando as palabras que escribín fai un ano, nesta ocasión quero darvos as grazas, darvos as grazas a todas as familias do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso e do CEIP As Forcadas de Corme que lle dixeron si á xornada única de mañá. E, en especial, ás familias da miña titoría que lle dixestes si á mesma. Finalmente, a maioría silenciada por unha porcentaxe inxusta durante catro anos logramos o noso obxectivo: o maior benestar dos nenos e nenas de Ponteceso e Corme.

Así pois, despois da decisión tomada, como mestra só queda darvos as grazas.

Grazas, moitas grazas a todos os que lle dixestes si á xornada continua.

Grazas, moitas grazas por apoiar unha xornada na que non se producen interrupcións horarias que prexudican a atención do alumnado e que, sen ningunha dúbida, favorece que o rendemento intelectual de nenas e nenos sexa maior.

Grazas, moitas grazas por pensar no seu futuro, por lograr que nos próximos anos teñan un maior tempo de lecer que permita combinar os tempos de estudo coas súas actividades extraescolares e o ocio en familia, sen renunciar a ningunha destas opcións.

Grazas, moitas grazas por conseguir garantir a estabilidade do profesorado no centro.

Finalmente, grazas, moitas grazas á ANPA do CEIP Eduardo Pondal por todo o traballo realizado, porque a pesar dunha porcentaxe, loitaron polo que queríamos unha gran maioría. E iso quedou demostrado, e desta vez, conseguido.

Así pois, os vosos pequenos e as vosas pequenas, a pesar de ter que sufrir as consecuencias dun elevado número de alumnado na súa aula, que o próximo curso seguirá aumentando, por fin poderán gozar das vantaxes dun horario que os beneficia en tódolos aspectos.

Pola miña parte, como adulta e profesional, creo que fixen todo o posible e todo o que estaba nas miñas mans para defender a implantanción da xornada única de mañá: mostrar publicamente a miña opinión baseada en argumentos pedagóxicos sólidos e constatables, desmentir falsas informacións, resolver dúbidas... En definitiva, informarvos ás familias e, por suposto, ao meu alumnado. Non debemos esquecernos de que son eles e elas os que pasan de 5 a 7 horas no centro educativo e a pesar de ter entre 4 e 5 anos son perfectamente conscientes da situación que viven e esta votación non lles podía ser allea, pois ao fin e ao cabo, estase decidindo única e exclusivamente sobre o seu futuro. Sobre nada máis, e a súa opinión debería ser a máis importante. A miña conciencia está moi tranquila, a xornada única de mañá é a xornada na que confío e na que creo firmemente por ser a máis beneficiosa para os nenos e nenas, pois non debemos esquecernos de que elas e eles son o único e realmente importante en todo isto. 

Por suposto, como mestra seguirei poñendo todo o meu empeño e todo o meu esforzo en todas e cada unha das actividades que realice con ou para o meu alumnado, dentro e fóra da aula. E a partir do vindeiro curso 2018/2019, con moitas máis ganas e con moito máis entusiasmo por non ter que darnos de bruces contra esas tardes que nos martirizaban e frustraban dunha maneira que non podedes imaxinar, a min e a os meus nenos e nenas.

Unha vez máis, como mestra, grazas, moitas grazas por eses 92+35 síes. Agora dóuvolas eu no seu nome, o próximo curso daránvolas as vosas fillas e fillos a vós. Aínda non sodes conscientes do gran agasallo que lle fixéchedes fai unhas horas coa vosa decisión.

Un saúdo,

Rocío.

Comentarios

  1. Xa era hora que esto saíra a diante ben merecido o teñen os nen@s mais os papas que si a querían despois de catro anos salio favorable.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Por suposto que si, sempre fóchedes maioría pero ese inxusto 58% facía que uns 50 votos negativos pesasen máis que uns 90 afirmativos. Ou o que é o mesmo, primaba a opinión de 50 familias e ignorábase a de 90 😕 Nunca entenderei isto pero, por sorte, desta foi! 😊 Moitos parabéns para vós e, sobre todo, para todos os Pondaliñ@s que por fin van poder desfrutar de tódolos beneficios que lle ofrece a xornada única e deixar atrás esas tardes que en dous días quedarán no olvido para sempre! 🙌🙌🙌

      Eliminar
  2. Por fin!!! Esta claro que nunca se pode dar nada por perdido, solo era cuestion de ter paciencia! Sin duda o próximo curso vai a ser mellor, nos xa estamos deseando que chegue o viernes para olvidarnos das tardes de cole!! 😬

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois si, cando máis complicado parecía, foi cando se logrou! (A pesar das escasas esperanzas coas que contaba a profe este curso 😂) Moitas grazas a tódalas familias que estivéchedes ao pé do cañón e insistíchedes e loitáchedes para que este curso se realizase novamente a votación 😍 E claro que si, podo asegurar sen ningún temor a equivocarme que o próximo curso será o mellor dos tres que estes Pondaliñ@s pasen en Infantil, e aínda direi máis, a partir de venres todo seguirá mellorando con respecto a estes últimos meses 😊 Moitos parabéns para vós e, sobre todo, para os nen@s! Agora toca desfrutar da nova xornada e dicirlle adeus a esas tardes frustrantes coas que, por sorte, non teremos que volver a lidiar! 🙃

      Eliminar
  3. Felizz superfelizz!!!! el que la sigue la consigue!!!!moitas gracias Rocio polo apoio que as veces decae....onte sin duda foi un gran dia !!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Persoalmente, únome e comparto contigo esa gran felicidade! Porque ver que por fin se pensa nos nen@s e no seu benestar é un gran motivo para ser e estar feliz! 🙃 A min non tendes nada que agradecerme, fixen o que consideraba oportuno e necesario para lograr a implantación dunha xornada na que creo e confío firmemente. E se unha vez máis isto volvese a suceder, actuaría do mesmo xeito que ata o momento. Podería facer algo máis, pero nunca nada menos do que fixen. Moitas grazas a vós, como familia e como membros da ANPA, por liderar este proxecto da maneira na que o fixéchedes (porque non hai traballo nin nada detrás de todo isto...), e por contaxiar ese optimismo a todos aqueles que non tiñamos fe algunha no final positivo que tivo esta aventura. Agora si, moitos parabéns para vós e, sobre todo, para os nen@s! A partir de setembro toca desfrutar da nova xornada e agora mesmo despedir este par de tardes que nos quedan e que non botaremos nada de menos! 😊

      Eliminar
  4. Eu estou moi moi feliz, non puden estar no reconto por traballo pero estuben moi ben informada, quero dar as gracias as familias q cambiaron de opinión e esta vez foron polo si, q se pensase nos nenos, e sobre todo a esa ampa q temos q lle demos tanto a lata para q se intentara por última vez Ahora a disfrutar dos nenos e os nenos de mais lecer, acabouse o durmir encima das mesas do comedor despois de comer, chega cando os nosos nenos van medrando pero por fin les vamos dar mellor calidad de vida

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. E a profe comparte con vós esa felicidade! 👏👏👏 Moitas grazas por insistir e lograr que se votase unha vez máis 😊 Moitos parabéns para vós e para tódolos nen@s que por fin van poder desfrutar dunha xornada que si respecta os seus ritmos e as súas necesidades! 😍

      Eliminar

Publicar un comentario