NOVA MENSAXE DO CAPITÁN NEMO!

Esta mañá recibimos unha nova mensaxe do Capitán Nemo! Menuda alegría ao descubrir o moito que lle estaba gustando o noso traballo, e que con todo o que aprendemos e rexistramos nos nosos cadernos de anotacións el comeza a recordar todo o que esqueceu sobre os tiburóns e as estrelas de mar!

Como podedes comprobar na súa mensaxe, esta semana temos unha nova misión: descubrir como se moven as estrelas e os tiburóns polos mares e océanos! Se pinchades aquí, podedes escoitar todo o que nos contou...


Por suposto, aceptamos o reto e decidimos resolver a primeira das súas dúbidas: "Os tiburóns flotan?". Xa léramos nalgún libro de información que os tiburóns non podían durmir, xa que se nalgún momento deixaban de nadar, afundíanse no mar. O que non tiñamos moi claro era por que sucedía isto. Buscando e buscando, descubrimos o motivo polo que estes animais mariños non podían flotar. Vós tamén o queredes saber? Pois mirade o vídeo que lle gravamos ao Capitán Nemo para responder á súa primeira cuestión...


Aquí vos deixamos algúns dos vídeos que vimos, por se queredes botarlle un ollo novamente nas vosas casas!

Minuto 2:05 a 3:05

Minuto 0:00 a 1:15

Ademais, seguimos analizando algúns dos materiais que trouxeron os Pondaliñ@s:

Nizar trouxo un par de xoguetes da súa casa: un tiburón que xa deixamos no noso recanto do proxecto para poder xogar con el cando queiramos e un molde con forma de cangrexo que deixamos nas mesas-acuario do corredor para compartir cos Pondaliñ@s de 3 e 5 anos, que tamén están aprendendo sobre o mar durante este último trimestre de curso.

Naia non se esqueceu dos Pondaliñ@s nin do Capitán Nemo durante a fin de semana, e mirade que estrela de mar de cinco brazos e cor laranxa brillante nos trouxo da súa viaxe a Reus. É moi bonita!

Lucas tróuxonos un quebracabezas e un xogo de pesca onde, entre outros animais mariños, atopamos tiburóns e estrelas de mar. Ademais, ensinounos unha guía visual do mundo natural no que descubrimos novas especies de tiburóns, coma o tiburón de Groenlandia que come animais mortos do Polo Norte (e os esquimós cómeno a el) ou o tiburón cornudo, que ten por alimento os ourizos de mar, que xa sabemos que son equinodermos da familia das estrelas. Así mesmo, mostrounos un atlas de curiosidades no que comprobamos que nas nosas costas non soen vivir os tiburóns. Por suposto, preguntamos pola existencia de tiburóns en Exipto, e descubrimos que no Mar Vermello podemos nadar con moitos tipos. Así mesmo, vimos que arredor dunha illa moi lonxana chamada Australia, vivían moitísimos moitísimos tiburóns. A profe explicounos que nesa illa facíase moito surf, e que ao haber tantos tiburóns, producíanse algúns ataques aos surfistas, xa que vistos desde abaixo, estes animais confundían aos deportistas coas súas presas, como as tartarugas ou as focas.

Comentarios

  1. ostras!! non sabia eu !! que curioso jijijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Nunca te deitarás, sen saber algo máis! 😉 E estes Pondaliñ@s cada día descubren e aprenden un montón de cousas novas! 😍

      Eliminar

Publicar un comentario