DÍA INTERNACIONAL DA MULLER!

Onte, 8 de marzo, celebrouse o Día Internacional da Muller. Na aula de 4 anos, fai uns días que a mestra nos presentou a Maruxa e a Coralia Fandiño Ricart, máis coñecidas como "As Marías", e durante esta semana estivemos aprendendo máis sobre a súa vida e sobre o importante que foron para a cidade de Santiago de Compostela e para o mundo en xeral. Ademais, aproveitamos para reflexionar sobre a igualdade, centrándonos especialmente na repartición das tarefas do fogar, relacionándoo directamente cos xoguetes infantís, recordando o catálogo igualitario que creamos un pouquiño antes de Nadal... 

Estas pequenas grandes mentes son as mentes do futuro, as encargadas de construír un mundo mellor, e só poderán facelo se estas construtoras e estes construtores chegan ao día de mañá cargadiñas e cargadiños de ilusión e valores positivos. Dende a escola intentamos poñer o noso granciño de area para conseguilo día a día, non só o 8 de marzo, e é por iso polo que na nosa aula as cores e os xogos non teñen xénero, as tarefas compártense entre todos e todas, algunhas historias contan con finais moi diferentes aos tradicionais e as persoas nas que debemos inspirarnos por poñer en práctica estes valores positivos e loitar contra as inxustizas sempre serán benvidas nela, sexa o día que sexa.

Aquí vos deixamos un pequeno resumo da gran historia de Maruxa e Coralia:


Ademais, cada aula coñeceu un pouquiño máis sobre algunha muller galega relevante, e na entrada da nosa escola quixemos presentarllas á toda a comunidade educativa, por ser mulleres que axudaron a construír un mundo mellor loitando contra as desigualdades e as inxustizas:



Igualmente, no día de hoxe, nos nosos mandilóns lucimos uns preciosos broches, que nos regalara o curso pasado a mamá do noso compañeiro Roi durante o taller de profesións, con mulleres desempeñando unha e mil profesións, xa que como ben dixemos hoxe, mulleres e homes poden ser o que queiran e desempeñar o oficio que desexen.



Ademais, aproveitamos para comentarvos que recibimos unha nova carta do Señor do Tempo. Unha vez máis superamos unha das súas probas, desta vez o reto das momias e dos sarcófagos, conseguindo así o quinto selo do noso pasaporte! Por suposto, deixounos unha nova misión: aprender máis sobre os amuletos exipcios! Como non podía ser doutra maneira, esta tarde xa quixemos comezar a decorar o ankh co que nos agasallou!


Igualmente, presentámosvos unha nova canción que nos está gustando moito na aula de 4 anos e que atopamos nun dos pendrives que aportou unha das familias. Imos a Exipto? Os Pondaliñ@s teñen moi clara a resposta!

Comentarios

  1. que sean librees de elegir o que queiran ser!! e por ser feito de ser home ou muller que as tarefas son dos dous! a enseñalos de pequenos......que despois non hai maneira!!!encantame o partido que lle quitaches as muñequiñas jijijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Claro que si 👏👏👏 A verdade é que as bonequiñas nos viñeron estupendamente ben para conmemorar este día ♀

      Eliminar

Publicar un comentario