SEPARAMOS O NOSO NOME EN SÍLABAS!

Esta semana adentrámonos no divertido mundo das sílabas, e como non podía ser doutra maneira, comezamos dividindo o noso propio nome. Palmadas veñen e palmadas van na aula de 4 anos! Mirádenos en acción esta mesma mañá:


Ademais, aproveitamos para mostrarvos as últimas aportacións das familias, relacionadas co noso proxecto sobre o Antigo Exipto:

Hugo mostrounos a espectacular maqueta da meseta de Guiza, na que se sitúan as tres grandes pirámides exipcias (Keops, Kefrén e Micerino), así como a esfinxe que leva o nome desta planicie. Aproveitamos para recordar a relación familiar entre os tres faraóns (pai, fillo e neto), e tamén comparamos o tamaño das tres pirámides porque menudo lío... A de Keops sempre foi a máis alta, pero a de Kefrén sitúase nun punto máis elevado da meseta de Guiza e por unha ilusión óptica sempre pareceu máis alta. Iso si, a día de hoxe é máis alta a de Kefrén porque a cúspide da pirámide de Keops se erosionou co paso do tempo. E falando de erosionar, nun dos libros de información vimos pirámides brancas, pero nas fotografías sempre as vemos de cor marrón. Como pode ser iso? Pois porque cando as construíron os exipcios cubríronas cunha capa de pedra caliza branca para que fosen as construcións máis brillantes de todo Exipto cando lles dese a luz do sol e da lúa, pero esta capa branca foi desaparecendo co paso do tempo polo sol, a chuvia, o vento... e agora só vemos a pedra orixinal! Canto aprendemos!

Noa trouxo un libro repleto de fotografías que fai anos sacaron os seus papás cando visitaron o British Museum de Londres, imaxes que iremos analizando estes días, pois temos pendente unha visita virtual a este museo inglés. Seremos quen de atopar tódalas figuras (momias, sarcófagos, esculturas de faraóns, papiros e xeroglíficos...) que observamos nas fotografías? Para a semana intentarémolo!

Iso si, aproveitando que estamos intentando superar o reto dos xeroglíficos, non puidemos deixar de observar moi detidamente a gran Pedra Rosetta, na que Champollion foi quen de descubrir o significado de tódolos símbolos exipcios, e que se expón no museo londinense! 

E como anécdota do día, estamos tan motivados e motivadas con esta temática, que a nosa encargada de onte, Lucía, escolleu a medalla de cor azul para explicarnos que estaba triste porque ninguén a levaba a Exipto e ela quería visitalo. Poden ser máis adorables estes Pondaliñ@s?

Comentarios

  1. Pobre lucia ja ja ja se exipto esta aqui o lado. Encantame o ben que o fan cas silabas, alex leva un par de dias decindome que lle deletree os nomes

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Jajaja, se polos Pondaliñ@s fora xa estábamos en Exipto dando clase desde xaneiro 😆 Si, están moi motivad@s con isto de silabear e andan todo o día a palmadas 😊

      Eliminar
  2. Que ben fan estes nenos?. Encantame.

    ResponderEliminar
  3. JIJIJI asi xogando,silabease mellor jijiji,hai Lucia jajajja que me la comooo !! algún diaa seguro que ira... jijijij

    ResponderEliminar

Publicar un comentario