COMO É UN CATÁLOGO DE XOGUETES?

Como ben sabedes, a semana pasada comezamos a nosa andaina cos catálogos de xoguetes para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Falamos das cores e dos xoguetes que se asocian a nenos e nenas e, sobre todo, da inxustiza que isto supón. Estamos moi concienciados con esta problemática, e así nolo demostrou a nosa compañeira Martina, que trouxo este catálogo no que ela e a súa madriña observaron que só as nenas cociñaban e que só os nenos conducían coches, e isto non lle gustou nada de nada!


Aproveitamos este catálogo, moito máis significativo para os Pondaliñ@s que os que trouxo a profe, para descubrir as partes fundamentais nas que se dividía un catálogo de xoguetes: portada, índice, xogos e contraportada.

Observamos a portada do catálogo que nos trouxo Martina e descubrimos que nela aparecía o nome da xoguetería, imaxes relacionadas co Nadal e o eslogan "Juguetes 2013". Tendo en conta isto, decidimos que a nosa xoguetería se chamase "Don Caracol" e que o noso eslogan fose "Xoguetes 2017". Tamén temos que pensar nas imaxes que nos gustaría ver na portada do catálogo da aula de 4 anos.

Seguidamente, descubrimos que era e para que servía un índice. Este gustounos moito porque usa palabras e imaxes! Como aínda non sabemos ler, axudámonos dos debuxos para darnos conta de que un índice nos levaba aos números de páxina nos que se atopaban os diferentes tipos de xoguetes.

Así, axudándonos deste índice e observando as diferentes páxinas do catálogo, creamos o noso propio índice con distintas categorías. Iso si, eliminamos os xoguetes violentos (pistolas, espadas...) e introducimos o tema das cores. Así organizaremos o noso catálogo: 1. Cores; 2. Peluches e bonecas; 3. Cociñas e supermercados; 4. Perruquería e maquillaxe; 5. Medios de transporte; 6. Construcións; 7. Deportes; 8. Vehículos; 9. Xogos de mesa; 10. Disfraces. Tamén nos demos conta de que a primeira metade dos catálogos teñen as páxinas rosas con xogos que se asocian ás nenas, para logo pasar á cor azul con xoguetes que se asocian aos nenos. Coma os nosos xogos van ser de tódalas cores e para nenos e nenas non nos importa a orde. Nós non facemos diferenzas entre uns e outros, así que decidimos respectar esta organización porque nos resultaba moito máis fácil para guiarnos de xeito autónomo polo catálogo que temos como modelo.

Finalmente, observamos a contraportada do catálogo de Martina, e nela vimos máis imaxes relacionadas co Nadal e a dirección da xoguetería. Así pois, toca buscar novos debuxos e, sobre todo, descubrir a dirección do noso colexio, xa que só sabemos que está en Ponteceso, pero nada máis...

Aquí vos deixamos o primeiro boceto do noso catálogo que realizou a profe mentre nós falabamos e falabamos:


Repasando este esquema démonos conta de que non tiñamos todo o necesario para realizar as fotografías que ilustrarán o noso catálogo... Pero non houbo ningún problema, non tiñamos estes xogos na aula, pero si nas nosas casas! Por suposto, a única maneira de conseguilos era enviándolle unha carta ás familias pedindo a súa colaboración, así que nos puxemos mans á obra!








Os Pondaliñ@s de 4 anos estamos moi contentos e contentas de que nos poidades axudar. Moitas grazas familias!


Como puidéchedes comprobar, estes días non subimos nada ao blog porque o final do trimestre está moi cerca e estamos rematando moitas cousiñas nas nosas mesas, algunhas delas moi secretas. Iso si, non vos preocupedes polos nosos compañeiros de clase que estes días os nosos caracois seguiron moi ben alimentados grazas a Lucía, Mariña e Claudia que lles trouxeron estas ricas froitas e verduras!



Comentarios

  1. seguro que ese catalogo representa mellor os nosos nen@s! ,habera que facer una copia e mandala as grandes superficies haber se aprenden algo....

    ResponderEliminar
  2. Desde que empezaches esta iniciativa, na casa pasamos de sólo gustarnos rosa e lila, a que tamén nos encante o azul o verde jejeje...ainda que o rosa e o lila siguen sendo preferidos, o resto de cores tamén nos valen 😉

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Que ben, con pequenos xestos pódense lograr grandes cousas 👏👏👏

      Eliminar

Publicar un comentario