QUE BARREIRAS HAI NA NOSA ESCOLA?

Recordades os caracois que creamos o pasado venres no taller de cociña? Si? Pois hoxe escribimos a súa receita! Falamos do que significaba esta palabra e pensamos no que teríamos que escribir nela: ingredientes, preparación e resultado. Todos xuntos escribimos os ingredientes que utilizamos mentres recordabamos de maneira oral para que os empregamos, que fixemos con eles e os pasos que seguimos. Para rematar, recortamos unha fotografía co noso caracol que pegamos para darlle o toque final á nosa receita.





Xa pola tarde, quedamos no patio e fixemos unha pequena reunión... Pensamos en tódolos lugares que día a día visitamos no noso cole: entradas, parque, areeiro, campo de fútbol, pavillón, campo de follas, edificio das escolas, patio cuberto, baños, piscina, comedor, hall, patio dos maiores, aula de cine, clases de infantil, baños, aula de música, biblioteca, aula de inglés, etc. Pero... Que pasaría se mañá tivésemos un novo compañeiro ou compañeira e viñese en cadeiras de rodas? Podería vir con nós a todos estes lugares?

Quixemos comprobalo in situ, e para iso organizámosnos por parellas: Hugo e Mariña; Mario e Zaira; Alejandro e Martina; Alonso e Naia; Aroa V. e Brais M.; Claudia e Nizar; Lucía e Roi; Izan e Leila; Lucas e Noa; Marta e Xabi; e Andrea e Brais P.

Feito isto, collemos a nosa tablet, abrimos a cámara e visitamos todos estes lugares para comprobar e rexistrar se existía algunha barreira arquitectónica (escaleiras, escalóns, corredores ou portas estreitas...) ou se, polo contrario, eran lugares accesibles. Aquí nos tedes en plena acción! Unha pena que non puidésemos pasar da planta baixa por culpa dunhas grandes escaleiras...


De novo na aula, reunímonos en asemblea e reflexionamos sobre o ocorrido. Vimos as fotografías e clasificamos os lugares que visitamos: puxémoslle un gomet verde aos accesibles e un vermello aos que non o son. Sabemos que non puxemos tódolos espazos da nosa escola, e aínda así son 9 os accesibles e 12 os non accesibles. Isto non nos parece nada xusto, todos deberían ser accesibles para calquera que quixese visitar o noso colexio, e os nenos e nenas de 4 anos somos conscientes do que necesitamos...


Relacionado con isto, ademais de seguir traballando na aula coas imaxes que nós mesmos fotografiamos, mañá recibiremos unha visita moi especial... Estade atentos e atentas!

Para rematar o día, a nosa compañeira Andrea alimentou aos nosos caracois, que desta vez probarán dous novos alimentos: a cebola e o allo.

Comentarios

  1. Gustoume moito a actividad que fixestes! e oque ten , ter un colegio velliño, o ascensor esta o caer.... e o demais que falta, a dar guerra...hasta que non quede una soa barreira...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas, é moi importante inculcarlle valores positivos nestas idades 😊 Claro que si, teñen que aprender desde pequenos a pensar no que é e non que non é xusto, e a buscar solucións para que todos teñamos os mesmos deireitos e as mesmas posibilidades 😉

      Eliminar

Publicar un comentario