CONTOS POR BICOS: VISÍTANOS A MAMÁ DE MARIO!

No día de hoxe recibimos unha visita moi especial... Esta tarde seguimos cos "Contos por bicos" na nosa biblioteca, e sabedes quen estivo con nós? Ana, a mamá do noso compañeiro Mario!


Contounos dous contos: "A que sabe a lúa?" e "Veo, veo... ¿A quién ves?". E os dous nos encantaron! Ao remate de cada un botamos un montón de foguetes, e o noso compañeiro contounos que tiña unha sorpresa para nós... Mario agasallounos cuns marcapáxinas creados por el mesmo con forma de lúa! Encantáronnos! Moitas grazas amigo!


Por suposto, nos regalámoslle un montón de bicos tanto a Mario como á súa mamá! E aquí nos tedes con eles e co seu fantástico marcapáxinas! Volve cando queiras Ana, estás máis que invitada!


Ademais, aproveitamos para comentarvos todo o que fixemos no día de hoxe... Recordades os cadros que decoramos o xoves pasado usando cadolos como pinceis e inspirándonos na estación do ano na que nos atopamos? Pois esta mañá, despois das rutinas do encargado, observámolos todos xuntos e cada un de nós foille dando título... Mirade que imaxinación!


Tamén seguimos investigando sobre os caracois, e desta vez tocou saber máis da súa hibernación... Resulta que de outubro a abril, cando máis frío fai, os caracois hibernan. Para manterse húmidos, crean unha especie de tea coa súas babas (epifragma) na entrada da súa cuncha e alí se agochan durante varios meses... Para recordalo, decoramos un caracol con corpo móbil que nos está axudando a entender isto da hibernación! Aquí podedes ver aos nenos e nenas das mesas amarela e azul mostrando os seus caracois cos tentáculos á vista e que, polo tanto, non están hibernando. Pola contra, os caracois da mesa verde e vermella si teñen os tentáculos e o corpo agochado no interior da súa cuncha, polo que como ben sabemos, si están a hibernar!



Pode que algúns dos nosos caracois que sempre están pegados á tapa do noso caracolario estean a hibernar, pero tamén sabemos que hai outros que seguen paseando por el e, sobre todo, probando toda a comida que lle traemos. Hoxe estanse poñendo as botas coas plantas, froitas e verduras que lles trouxo o noso compañeiro Brais!

Comentarios

  1. que ben!! o que lle gustan os contos os nosos pondaliños jijijij os caracois cando teñas que soltalos van coller depresión..co ben que están na aula,comen de restaurante todos os diaas jajajaja

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Failles moita ilusión, así que seguídevos animando a participar! 👏👏👏 Malo será que cando os deixemos libres non atopen algo no patio. E aínda podo asegurar que cando estén alí algún Pondaliñ@ lle traerá algo rico rico 😋

      Eliminar

Publicar un comentario