DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO!

Mañá, 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, mais no noso colexio adiantamos esta conmemoración ao día de hoxe. Comezamos a xornada cos nosos compañeiros e compañeiras de Educación Infantil escoitando a tres nenas e un neno de 6º de Educación Primaria, os cales nos explicaron o porqué desta conmemoración, faláronnos de diferentes situacións inxustas e mostráronnos os carteis en defensa da igualdade que expuxeron no hall.


Ao entrar na aula atopamos algo na nosa alfombra... Dous contos que xa coñecemos como son "Artur e Clementina" e "O libro dos porcos" e varios catálogos de xoguetes. Para que sería todo isto? De súpeto recordamos algo que nos dixeran dúas das nenas maiores...


Na gran maioría de catálogos a cor rosa asóciase ás nenas e a cor azul aos nenos. Isto é así? Claro que non, as cores non teñen xénero! E así o demostramos cos nosos mandilóns... Non ocorre nada cando un neno pon un mandilón rosa ou violeta ou cando unha nena leva un azul. Ademais, descubrimos que na nosa aula nenos e nenas teñen a mesma cor de mandilón ou que hai nenos que levan rosa, azul e as demais cores no seu mandilón. Non sabemos por que os catálogos de xoguetes se organizan así, pero o que temos claro é que isto non nos parece para nada xusto.






Algúns teñen isto tan interiorizado que durante a merenda Alonso pediulle á profe unha palliña rosa e unha azul para tomar os seus bebibles e así demostrar que aínda que fose un neno daba igual a cor que escollese, el ía beber igual pola rosa que pola azul. Así mesmo, Lucía ensinounos o seu tupper, xa que aínda que fose unha nena podía gardar a súa merenda nun recipiente de ambas cores.



Ademais, tamén aproveitamos para falar por que nestes catálogos só vemos fotografías de nenas con algúns xogos e xoguetes (bonecas, cociñas, kits de maquillaxe e perruquería, disfraces de princesas...) e de nenos con outros (coches, balóns, kits de ferramentas, disfraces de superheroes...). Que ocorre, que unha nena non pode xogar ao fútbol e un neno non pode cociñar? Ben sabemos que isto non é así, e senón mirádenos a nós xogando nos recantos que libremente escollemos pola tarde!







Démonos conta de que os catálogos que hoxe manipulamos están bastante equivocados e non nos respectan para nada, xa que nenos e nenas temos dereito a xogar co que nós queiramos, sen importar a cor ou a funcionalidade dos xoguetes. E sabedes que imos facer nós agora que se achega o Nadal? Pois crear o noso propio catálogo, un moito máis xusto e realista. Nel serán os nenos e as nenas os que xoguen con distintos xoguetes sen ter en conta a súa cor, os nenos e as nenas os que se ocupen das tarefas do fogar, os nenos e as nenas os que conduzan coches e camións... Porque todos podemos ser o que queiramos e xogar co que nos dé a gana sempre e cando non lle fagamos dano a ninguén (porque tamén aproveitaremos para falar dalgúns xoguetes violentos que por alí atopamos: espadas, pistolas...). Que vos parece a idea?

Ademais, hoxe recibimos unha visita moi especial... Hoxe coñecemos a Nuba, unha cadeliña que a todos e todas nos roubou o corazón. Viña da man da Asociación Aloumiños (Asociación de Persoas con Necesidades Específicas da Costa da Morte), e con Julia e Laura escoitamos historias sobre coidado animal; paseamos, alimentamos e démoslle de beber a Nuba; aprendemos a recoller as súas cacas... Recordamos que sempre debemos coidar e tratar ben a tódolos animais, xa que cadeliñas coma Nuba tamén axudan a moitos nenos e nenas que teñen algún tipo de dificultade.







E aquí nos tedes con ela! (Faltan os nenos e nenas que comen na casa porque a serea xa soara e eles tiveron que saír un pouquiño antes) Volve cando queiras Nuba, estaremos encantados e encantadas de recibirte!


Na páxina de Facebook desta asociación podedes atopar máis fotografías!


Para rematar este día, picamos as estrelas que moi pronto decorarán a árbore que se colocará na entrada da nosa escola! Que rápido está pasando este 1º trimestre!




Comentarios

  1. que dia mais completiñoo!! e que de temas interesantes!!! superdivertido o dos mandilons jijiji Roi os reyes pasados pediu una muñeca,e polo cumple regalaronlle a cocinita ,os xoguetes non so de nenos,ou nenass...e a visita de aloumiños encantoumeee !! Nuba que bonita...na nosa casa estamos moi implicados co tema cans..bicoa Rocio!! que envidiaaa sana che teñoooooo jijijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Claro que non hai xoguetes de nenos e nenas, pero aos/ás que deseñan catálogos parece que se lles olvidou 😒 (Aínda que tamén descubriremos catálogos online moi respectuosos) E Nuba namorounos a todos, é divina 😍 E si, Roi xa nos contou moito de tódolos canciños que tedes na casa, e según el hai un que non é tan tranquilo coma Nuba, que é moi travieso porque morde tódolos pantalóns 😂 E xa sabes que as portas da miña aula están abertas para todas as familias, así que se algún día queredes vir non tedes máis que dicilo 😉

      Eliminar
  2. Ter un can implica moito,pero as satisfacción que da ,pa nos,non teñen precio, e algo se me ocurriu que podemos face no cole..jijiijji haber se pode ir adiante!!e seino que ti tes as portas abertas,moiitisimas graciasss!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois xa nos comentarás en que consiste a idea e a ver se a podemos levar a cabo 😉

      Eliminar
  3. Casi se me pasa! feliz dia do mestre!!!e sobre todo a nosa..que e estupenda!! bicososs

    ResponderEliminar
  4. Que día máis completo!! Como me gusta o do intercambio de mandilóns, xa o contou Lucía na casa, e sí na nosa casa vemos claramente, supoño que igual que no resto, que non hai xogos específicos para nenos ou para nenas, Lucía quere xogar cos coches trens ect..e seu irmán ca cocinita e cas muñecas. Así que me gusta a idea de que fagades o voso propio catálogo, que ganas de velo. E que ben o pasaron con Nuba. Vos xa facendo as estreliñas e na nosa casa esta fin de semana xa tivemos que colocar o árbol de Navidad😂😂😂...cada ano temos que adiantalo máis

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Xa vos pasaremos unha copia do catálogo para que os Pondaliñ@s poidan escribir a súa carta 😍 A profe non é partidaria de adiantar tanto a decoración de Nadal, pero a ponte de decembro quítanos moitos días e mellor ir facendo cousiñas que logo andar súper apurados 😅

      Eliminar

Publicar un comentario