XOGOS NUMÉRICOS!

O de hoxe foi un día moi divertido no que lle dedicamos moito tempo aos xogos numéricos! Comezamos a mañá coas rutinas da encargada, neste caso Martina, a mesma que ao rematalas descompuxo o número 5!


Logo, despois de recordar letras e números cos bits de intelixencia, xogamos cun dos quebracabezas que temos no recanto dos números! Aproveitando que pola mañá éramos vinte Pondaliñ@s na aula e vinte as pezas que tiñamos, a encargada repartiu unha peza a cada neno e á cada nena e comezou o xogo ao ter que buscar, por quendas, a nosa parella. Mirade que ben o fixemos!











Xa por último, a nosa encargada, coa nosa colaboración, ordenou os números de maneira ascendente do 1 ao 10! Ademais, antes de merendar aínda tivemos tempo de completar unha páxina do noso "Libro dos caracois", no que tivemos que decorar un caracolario, recortar ovos de caracol, contalos, escribir a grafía...


Despois da merenda, do recreo e da volta á calma, recordamos o conto de "As tesoiras de Matisse", xa que non tiñamos moi claro como este artista foi ao ceo... Así pois, despois de lelo unha vez máis, redescubrimos que unha noite Matisse entrou no seu xardín de papel e un arco da vella de figuras acurrucouno e levouno ao ceo. Para seguir aumentando as páxinas do noso "Libro de Matisse", creamos de xeito individual o noso particular arco da vella cun montón de gomets, sempre seguindo as consignas (número, forma e cor). Xunto a nós, o profe Xalo foino creando no encerado, e grazas a este arco da vella tan especial, aproveitamos os últimos minutos da mañá para incidir en diferentes aspectos respectando o ritmo madurativo do alumnado: cores, formas, conteo, grafía, maior e menor, anterior e posterior, sumas... Gustounos moito!


Xa pola tarde, coa profe Pilar coñecemos a historia da "Arca de Noé", mentres que coa profe Rocío estivemos sabendo máis sobre o medo e sobre como enfrontarnos a el. De novo todos xuntos na aula, aproveitamos os últimos minutos da xornada para descubrir un novo xogo: as cartas xigantes! Antes de nada tiñamos que diferenciar os símbolos que alí víamos, xa que xogaremos moito con eles: corazóns, tréboles, picas e diamantes. Como só tiñamos vinte cartas e pola tarde xa éramos viente e un na aula, decidimos que a encargada Martina fose quen organizase o xogo para lograr que tódolos grupos quedasen ordeados de xeito ascendente, dando pautas e revisando resultados! Decidiu chamar aos Pondaliñ@s que tiñan as cartas co número 1, logo co número 2 e así ata o 5. Para ser a primeira vez, fixémolo estupendamente ben, e seguro que cando volvamos xogar atopamos unha maneira alternativa de organizarnos, porque estas cartas darán para moito!







Iso si, non podíamos marchar sen alimentar aos nosos caracois, e menos hoxe que temos novos integrantes no noso caracolario, xa que Alejandro atopou no patio un caracol grande cun moi pequeniño sobre a súa cuncha. E aquí temos ao noso compañeiro Alonso cos alimentos favoritos dos nosos compañeiros de aula!

Comentarios

  1. mooi ben !! que formas mas divertidas pa entrar no mundo dos números!! da gusto velos tan aplicados!!!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario