POR CUATRO ESQUINITAS DE NADA!

No día de hoxe comezamos a mañá buscando decenas entre a estantería das construcións. Aquí tedes o resultado: dez pezas ensartables, dez bloques de construción, dez parafusos, dez animais, dez coches, dez números... Saiunos todo de dez!



Mentres, os nenos e nenas aos que hoxe non lles dou tempo de participar nesta actividade pedíronlle á profe unha foto para que mañá se acordase de chamalos e así buscar novas decenas na aula... Aquí os tedes tamén!


Xa pola tarde, vimos a reportaxe que onte se emitiu na TVG, e démonos conta das moitas barreiras que existen en Ponteceso, xa que fomos quen de identificar o edificio no que vive unha das nosas compañeiras e a tenda na que traballa unha das nosas coidadoras de autobús. Isto dounos pé a pensar se nas nosas casas podería desprazarse de maneira autónoma unha persoa que estea nunha cadeira de rodas, e se non é así, a buscar algunha maneira para resolver isto. Temos claro que as rampas e os ascensores son unha boa solución, pero hoxe tamén descubrimos que as portas son un aspecto moi importante nisto da accesibilidade universal e a eliminación de barreiras...


Sabedes por que hoxe abordamos o tema das portas? Pois porque a mestra nos falou dun dos seus contos favoritos... Titúlase "Por cuatro esquinitas de nada" e cóntanos a historia dun cadradiño que non podía entrar na casa dos seus amigos redondiños porque a porta tiña forma circular. Despois de varios intentos de cadradiño por entrar, descubrimos que non era el o que tiña que cambiar, senón a porta, xa que recortándolle catro esquiniñas de nada tanto el coma os redondiños podían entrar e saír sen dificultades. Extrapolamos este conto á nosa realidade, e entendemos que non son as persoas as que se teñen que adaptar, senón que son os espazos, e por iso temos que intentar entre todos que as escaleiras se transformen en rampas e ascensores ou que os corredores e as portas estreitas se volvan anchas. Que será mellor, un lugar ao que só poidamos acceder uns poucos ou un lugar ao que poidamos acceder todos? Os Pondaliñ@s de 4 anos témolo claro... Un lugar ao que poidamos acceder todos, e non importa que para iso teñamos que recortar ou construír todo o que faga falta! 


E sabedes o mellor de todo? Proximamente alguén moi especial para nós virá contarnos este conto á nosa escola... Quen será? Moi pronto o descubriremos!

Xa por último, comentarvos que os nosos caracois seguen moi ben coidados grazas a tódalas verduras que onte lles trouxo o noso compañeiro Roi. Trouxo tantas que aínda as aproveitamos hoxe, xa que o venres non teremos encargado por mor do Magosto e aproveitaremos as que nos trouxo Xabi e as que nos traerá Leila para que se alimenten ben durante o venres, o sábado e o domingo!

Comentarios

  1. Que leccións tan importantes aprenden no cole e que ben llo explica a profe para que eles o entendan perfectamente, que bonita historia a do conto.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Claro que si, os valores son moi importantes e teñen que estar sempre presentes na escola 😊

      Eliminar
  2. e uns dos valores que lle hai que inculcar desde pequenos,moi ben Rocio,na nosa casa non prestou tanta atención o programa como ahí,mira que atentos...e que bonito o conto..

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. É que ao sentarnos na alfombra ben sabemos que temos que estar coas mans quietas, cos ollos abertos, cos oídos atentos e coa boca pechada para non perder nada do que aconteza. Ademais, a profe avisoulles que verían a alguén que xa coñecemos e estiveron moi pendentes! Iso, é que están moi interesados nisto da accesibilidade e da eliminación de barreiras 😊

      Eliminar

Publicar un comentario