PORTACASTAÑAS!

Como ben sabemos, xa estamos no outono, e o outono é unha época de moitas festas. Xa celebramos o Samaín, e o próximo venres 11 celebraremos o Magosto. Da festa do medo á festa da castaña! Non paramos!

Esta mañá, unha das nosas compañeiras chegou á aula cun destes froitos, así que aproveitamos para descubrir en que consistía esta celebración:

- Todas as actividades previstas faranse, xunto aos demais nenos e nenas desta escola, na nosa pista de fútbol e, se chove, no noso patio cuberto.
- Alí atoparemos a unha bruxa que realizará un conxuro para queimar os nosos medos.
- Seguidamente, realizaremos a competición de tiro de corda, que tantos anos se leva celebrando no noso colexio.
- A continuación, cantaremos unha estrofa da cantiga "Non chas quero", que xa estamos ensaiando coa mestra Luisa.
- Finalmente, degustaremos as castañas típicas desta festividade acompañadas duns saborosos zumes.

Hoxe, ademais, falamos das castañas: de onde viñan, como eran os ourizos, como se cociñaban, como se comían... Descubrimos que despois de asalas, témoslle que quitar a cáscara, pero estas cáscaras non poden ir ao chan. Por iso, no Magosto, crearemos uns portacastañas, cun oco para as nosas castañas, e outro para botar as cáscaras.

É aquí cando precisamos da vosa axuda e colaboración. Necesitamos un brick de leite ou zume ben lavado, partido pola metade e co nome por abaixo para evitar confusións! Logo, na clase, a profe xa se encargará de grampalo e colocarlle unha cordiña para poder colgalo do pescozo, e nós seremos os encargados de decoralos con motivos outonais.



Comentarios