SOMOS ESCRITORES!

Esta tarde, ao volver do recreo, todos nos sorprendemos ao comprobar que a nosa alfombra non estaba baleira, senón que alí había unha cabaza nunha cesta chea de follas secas. E sobre ela unha castaña e unha noz. Que raro era todo isto... Preguntámoslle á mestra Rocío pero nin ela sabía quen puxera iso alí.


Ante tal expectación decidimos sentarnos ao seu redor, e despois de observar e analizar detidamente o que alí se atopaba, entre todos comezamos a hipotetizar sobre quen podería ter traído iso á nosa aula: Teo, Xalo, Enrique, outros mestres, algúns nenos, o vento, un fantasma... Tampouco puidemos descubrir para que estaba a cabaza na nosa alfombra. Que raro era todo isto!

Era imposible poñernos todos de acordo, polo que a nosa profe fíxonos unha proposta: Por que non uníamos todas as nosas ideas nun conto? Hoxe seríamos escritores e escritoras, e esta gran cabaza a protagonista da nosa historia!

Así pois, a mestra dounos as tres primeiras palabras do noso conto ("Había unha vez...") e pouquiño a pouco, entre todos, fomos construíndo a nosa historia. Nós falabamos e falabamos, e Rocío non deixaba de escribir o que dicíamos... Unha vez rematado, a profe liunos o conto completo. Encantounos! E como non podía ser doutra maneira, rematamos cun "Colorín, colorado, este conto está rematado" e uns foguetes ben animados polo ben que o fixemos!

Seguro que as familias estades desexando coñecer a historia creada polos Pondaliñ@s. Aquí a tendes! Iso si, ata mañá non lle podedes ensinar este vídeo aos nenos e ás nenas porque eles coñecen o que di o seu conto, pero non a sorpresa que lles vai dar a profe cando vexan que a súa historia ten imaxes e música. E non só iso, senón que tamén a poderán ler no Recuncho da Biblioteca porque coma os mellores contos, tamén vai estar en papel! Mirade, mirade, a ver que vos parece...



Non está nada mal isto de potenciar a imaxinación e a creatividade! :)

Comentarios

Publicar un comentario