TEO VOLVE DA CASA DE... LUCÍA!

Esta mañá, a nosa compañeira Lucía chegou entusiasmada co seu Teo de cor rosa, disposta a contarnos todo o ocorrido durante esta divertida fin de semana!

O venres, nada máis chegar, Lucía presentou á nosa mascota ante a súa familia. Ao que máis lle gustou foi ao seu irmán Álvaro, co que estivo xogando toda a tarde. Xa á noite, a nosa mascota ceou en familia, e despois de ler o conto de "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza", Lucía ensinoulle a Teo como se lavaban os dentes. Despois disto, era hora de durmir ben xuntiños!

O sábado pola mañá, a nosa mascota almorzou con Lucía e Álvaro, pero son tan larpeiros que un tempiño despois tamén comeron das ricas tostadas de María, a mamá da nosa compañeira. Coas pilas ben cargadas prepararon todo o necesario para ir á piscina, onde se atoparon con Mariña e con Roi! Menuda sorpresa, aínda que Teo non se puido bañar porque se esqueceu do bañador... Xa pola tarde, despois de comer, a nosa mascota balanceouse no bambán con Lucía e Álvaro. Logo, viaxou ata O Couto, onde aprendeu a bailar e tocar a pandeireta!

O domingo, Teo presenciou por primeira vez un partido de fútbol! Sabedes quen era un dos xogadores? Marcos, o papá de Lucía! Para celebrar a vitoria do seu equipo, a nosa compañeira e a nosa mascota acompañaron aos xogadores a tomar unhas tapas e uns ricos zumes! Despois de comer na casa da súa avoa, Lucía e Álvaro levaron a Teo de paseo para xogar moito con el neste último día de aventura!

A Lucía encantoulle a visita da nosa mascota, e o que máis lle gustou foi ter ao Teo amoroso na casa toda a fin de semana, ensinarlle as cousas que fai e presentarlle a súa familia!

Comentarios

  1. E tan entusiasmada, quedou contentísima. Creo que xa sabemos que regaliño vai a trae papá noel estas navidades, un Teo rosa amoroso e o seu conto

    ResponderEliminar

Publicar un comentario