TEO VOLVE DA CASA DE... MARIÑA!

Esta mañá, a nosa mascota chegou moi elegante da casa da nosa compañeira Mariña. Traía unha fermosa gravata! E sen dúbida, a súa cor era a máis axeitada, pois Teo foi realmente feliz durante esta divertida fin de semana! Agora vos contamos...

O venres, nada máis chegar, Mariña e Teo merendaron e viron a televisión ben xuntiños, e como á nosa compañeira lle gusta moito xogar ás cartas, botaron unha partida.

O sábado pola mañá, a nosa mascota madrugou para acompañar a Mariña á piscina. E sabedes con quen se atopou alí? Con Lucía e con Roi! Menuda sorpresa! Despois de nadar, á hora de comer, Teo coñeceu ao avó Alfonso e á avoa Gelita. E xa pola tarde, mentres papá e mamá poñían todo a punto para a festa do domingo, Teo e Mariña estiveron xogando cos bonecos e lendo algún que outro conto. E non nos podíamos esquecer da avoa Carmen, así que a nosa compañeira decidiu facerlle unha visita para presentarlle á nosa mascota!

E o domingo... O domingo foi o mellor día, o día no que Mariña cumpría 3 anos! Que maior! E con ela estivo toda a súa familia: os papás, os avós, os padriños, os tíos, os curmáns... Colocada nunha saborosa tarta de chocolate, Teo axudoulle a soprar a súa vela e a abrir os seus agasallos. Alí había roupa e xoguetes, pero o regalo favorito de Mariña foi... Un micrófono para cantar!

Sen dúbida, foi unha fin de semana moi especial, e o que máis lle gustou á nosa compañeira foi que Teo estivese na festa do seu aniversario!

Comentarios

Publicar un comentario