BRAIS M., ANDREA, LUCÍA, CLAUDIA, ZAIRA E IRIA AXÚDANNOS A SABER MÁIS DOS ESQUIMÓS!

Esta semana, nova información chegou sobre os esquimós! Canto estamos aprendendo! Temos tantas cousiñas sobre eles que ata tivemos que empregar a mesa do corredor para expoñer algúns dos materiais e así mostrarllos tamén aos nosos compañeiros e compañeiras maiores e ás mestras e mestres das outras aulas! Moitas grazas ás familias pola vosa colaboración!


Brais M., o pasado venres, ensinounos o peluche dun Husky Siberiano, un deses canciños que tiran dos trineos que usan os esquimós para desprazarse polo Polo Norte. Observamos e contamos as súas partes do corpo, tamén a cor dos seus ollos e do seu pelo... Encantounos! Ademais, tróuxonos un libro con moitísima información sobre os inuits e cunhas imaxes chulísimas de todo o que podemos atopar no Polo Norte e tamén no Polo Sur, alí onde viven os pingüinos! Moitas grazas Brais!


Andrea tróuxonos un montón de información sobre os inuits nun libriño que xa colgamos no noso "Corcho dos esquimós". Axudounos a saber algo máis dos inuits, e tamén a recordar algunhas das cousiñas que xa sabiamos. Grazas Andrea!


Lucía mostrounos a espectacular maqueta do Polo Norte que construíu coa súa mamá, co seu papá e co seu irmán Álvaro. Alí podemos ver as montañas cubertas de neve, e tamén o xeo que cubre estas terras tan afastadas. Igualmente, atopámonos cun iglú, cunha fogueira e cun buraquiño para pescar. Ademais, sobre o Océano Ártico, vemos unha barquiña. Ao ser tan pequeniña Lucía díxonos que era un kaiak porque só collía un esquimó no seu interior. Xa sabemos que se collesen moitos inuits, transformaríase nun umiak. Pero... A quen viamos no Polo Norte? Un Teo amoroso foi visitar de novo aos seus amigos! Fantástica aportación Lucía! Moitísimas grazas! 


Claudia ensinounos o seu oso polar de peluche! Por suposto, xa repousa na nosa "Mesa dos esquimós" xunto aos outros animaliños que habitan no Polo Norte. Ademais, mañá aproveitaremos que é un día especial para ver tódolos vídeos que a súa mamá (e tamén a de Noa!) nos enviaron ao noso correo electrónico. Moitas grazas Claudia!


Zaira tróuxonos o conto duns pingüinos do Polo Sur moi graciosos, ademais dun montón de fotografías que nos axudaron a coñecer moito máis da vida dos esquimós no Polo Norte. Por suposto, xa as colgamos no noso "Corcho dos Esquimós". Grazas Zaira!


Iria mostrounos a maqueta do Polo Norte que creou coa súa mamá. Alí podemos ver un enorme iglú! Queredes saber como o construiu? Sobre a base pegou unha taza de cor branca, e sobre ela un montón de terróns de azucre que imitan á perfección os bloques de xeo cos que os esquimós constrúen as súas vivendas! Ademais, sobre a neve do Polo Norte podemos ver a varios esquimós: en trineo, pescando, descansando... Moitísimas grazas pola túa aportación!

Comentarios