TEO VOLVE DA CASA DE... MARTINA!

Aínda que a nosa mascota de cor azul xa regresou onte da casa da nosa compañeira Martina, non puidemos coñecer as súas aventuras ata esta mañá, xa que como ben sabedes, o de onte foi un día especial e moi movido e non tivemos tempo para case nada! Pero hoxe si puidemos saber o que ocorreu durante esta fin de semana tan especial...

O venres, nada máis chegar, Martina e Teo merendaron xuntos, e despois de xogar un cachiño na habitación da nosa compañeira, decidiron descansar no sofá. Logo, a nosa mascota volveu montar nun tractor para recoller leña co papá e co avó de Martina. Estaban tan traballadores que tamén lle axudaron a colgar a roupa á mamá da nosa compañeira e aproveitaron tamén para xogar un cachiño cun cartón que por alí atoparon. Despois, era momento de preparar a cea, e alí estiveron Teo e Martina cascando ovos para a sopa tan rica que quentou as súas barrigolas antes de ir durmir.

O sábado, como non había cole, aproveitaron para estar un cachiño máis na cama, antes de ir despertar a Ceci, a irmá maior da nosa compañeira. E despois de almorzar, tocaba xogar aos disfraces! Xa pola tarde, Martina e Teo encheron o coche coas cousiñas que a ela lle sobraban e que a outros nenos e nenas lle facían máis falta! Tamén fixeron unha parada no supermercado antes de ir ao parque de bólas, onde xa quedaran coa nosa amiga Noa. Pasárono pipa e os tres cearon alí!

O domingo, ao espertar, leron o libro completo de "As aventuras de Teo na casa dos Pondaliñ@s". Logo, a nosa mascota coñeceu ao veciño e amigo de Martina. Chámase Adrián e con el estivo xogando toda a tarde!

Foi unha fin de semana moi especial. A Teo encantoulle pasar tempo coa familia e cos amigos de Martina, e á nosa compañeira o que máis lle gustou foi xogar con Noa, Daniella e Teo no parque de bólas.

Comentarios

  1. Eu non sei que lles dades! Porque Martina estaba cenando e chorando que queria ir o cole 🙄😂

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Jajajajaja, éche moito esta pequecha! 😍 Para a próxima uns tipis de esquimós e facemos acampada nocturna no patio 😂

      Eliminar

Publicar un comentario