TEO VOLVE DA CASA DE... ALONSO!

Esta mañá, a nosa mascota de cor verde regresou á escola, acompañado do noso compañeiro Alonso, co que pasou a fin de semana. Seguide lendo se queredes coñecer as súas aventuras!

O venres, tan pronto como saíron do cole, Teo, Alonso e a súa irmá Sabela pasaron a tarde na casa dos seus amigos Teo e Mario. Si, Alonso ten un amigo que se chama igual que a nosa mascota! Que sorte! Alí estiveron xogando moi animadamente, e tan ben o pasaron xuntos que ata quedaron a cear. Logo, era hora de marchar para a súa casa, e como estaban moi cansos, aproveitaron para meterse na cama dos seus papás e sacar unha fermosa foto!

O sábado tocou madrugar para ir a unha andaina de dous quilómetros polo Couto, onde o profesor Luís Giadás lles explicou a historia dalgúns dos lugares desta aldea. Por certo, se por alí víchedes a Spiderman, non estabades equivocados, víchedes ben, xa que Alonso levou a súa máscara! Despois da andaina, correron cara o Pavillón, para ver un partido de fútbol dos nenos de 6 anos, os compañeiros de clase de Sabela! E despois de comer, Alonso, Teo e o seu papá foron á Coruña facer uns recados, e de recompensa... Merendaron un cacho de pizza! Á volta, pararon en Pazos para que a nosa mascota puidese coñecer aos avós do noso compañeiro e tamén xogar cos seus curmáns, e unha vez máis encheron as barrigolas, nesta ocasión co rico biscoito da avoa de Alonso. E de novo montaron no coche para recoller a Sabela, que quedara de festa no Couto!

O domingo foi un día moito máis tranquilo, xa que como facía moi mal tempo, Alonso e Teo aproveitaron para pasar tempo na casa xogando e tamén pegando as fotografías do noso libro viaxeiro.

Foi unha fin de semana moi especial, e o que máis lle gustou a Alonso foi ir coa nosa mascota a ver o partido de fútbol, xa que este é o deporte favorito do noso compañeiro!

Comentarios